Inicio Carballo ao día Novas A ruta gastronómica “Dálle un...

A ruta gastronómica “Dálle un bocado ao FIOT” continúa medrando e este ano tamén inclúe ceas en cinco restaurantes

Trece establecementos ofrecerán almorzos, tapas ou ceas exclusivas durante as fines de semana de outubro, coincidindo co Festival Internacional Outono de Teatro

Luns 30 de setembro do 2019

Evencio Ferrero e Xosé Regueira presentaron a ruta

Evencio Ferrero e Xosé Regueira presentaron a ruta

Do mesmo xeito que o FIOT se reinventa en cada edición para seguir medrando en cantidade e calidade, iniciativas que foron xurdindo ao seu redor tamén tratan de captar e sorprender ao público con novas fórmulas. Deste xeito, a xa consolidada ruta gastronómica Dálle un bocado ao FIOT, promovida pola Concellaría de Promoción Económica, dá tamén un paso máis para seguir incrementando a súa oferta. E, así, ademais dos tradicionais almorzos e as tapas, este ano tamén teremos a oportunidade de desfrutar de ceas exclusivas durante as fines de semana do mes de outubro.

De venres a domingo, o teatro alimentará o espírito e tamén o corpo grazas á colaboración e á implicación de 13 establecementos de hostalaría carballeses. “Xa que temos un dos festivais máis prestixiosos do Estado, dende a Concellaría de Promoción Económica consideramos importante implicar á hostalaría para que o FIOT sexa beneficioso para a economía local tamén a través do sector hostaleiro”, comentou o concelleiro Xosé Regueira na presentación da iniciativa.

Na mesma liña, o alcalde, Evencio Ferrero, destacou a importancia de que “a marca Carballo teña todos os reforzos posibles”, e Dálle un bocado ao FIOT é “un complemento máis, porque do que se trata é de que todo Carballo desfrute do festival e de que sexamos un referente estatal. Adherirse a este programa tamén é unha maneira de facer Carballo, e neste obxectivo todas e todos somos necesarios”, asegurou.

Onde e cando

A ruta Dálle un bocado ao FIOTcelebrarase todos os venres, sábados e domingos de outubro.

  • Almorzos: Os locais que ofrecerán almorzos especiais a 3 euros serán Valle-Inclán Café, A Tapería e Ummm! Xeados, en horario de 09.00 a 12.00.
  • Tapas: de 20.00 a 23.00 horas poderemos degustar tapas moi teatrais, a 2 euros, en Taberna O Mexillón, Oito Bar, Cafetería Pazo da Cultura, Vinoteca Ánfora, Restaurante A Esmorga, A Tapería e A Barra Bar.
  • Ceas: e este ano, ademais, haberá ceas de 22.00 a 24.00 horas en distintos restaurantes: Pementa Rosa (días 12 e 25), Río Sil (días 4 e 18), Oasis (días 13, 19 e 27), A Esmorga (días 5, 11 e 26) e Vesuvio (días 6 e 20). O prezo de cada menú será diferente e en todos os casos será preciso reservar previamente.

A técnica de Turismo, Maite Parga, foi a man inocente no sorteo da Experiencia FIOT 2019

A técnica de Turismo, Maite Parga, foi a man inocente no sorteo da Experiencia FIOT 2019

Dálle un bocado ao FIOT tamén inclúe animación teatral polos establecementos participantes a cargo da compañía Galeatro, e, como xa é habitual, sortearemos una experiencia FIOT consistente en entradas para unha función do ano 2020 con cea, aloxamento e almorzo, todo para dúas persoas. Hoxe a técnica de Turismo, Maite Parga, exerceu de man inocente e realizamos o sorteo correspondente ao ano pasado e a afortunada por María Luísa López Losada. Parabéns!



Galería

Compartir: