Inicio Carballo ao día Novas Comeza o curso no Conservatorio Profesional de...

Comeza o curso no Conservatorio Profesional de Música de Carballo, que celebra seu 30º aniversario

Comeza o curso no Conservatorio Profesional de Música de Carballo, que celebra seu 30º aniversario

Venres 20 de setembro do 2019

Arturo Centelles e Eduardo Coma abriron o acto

Arturo Centelles e Eduardo Coma abriron o acto

Conservatorio Profesional de Música de Carballo cumpre 30 anos. Este curso fará tres décadas que imparte formación regrada con titulación oficial, como lembrou o seu director, Juan Otero, na benvida ao alumnado. Ademais, avanzou que nos vindeiros meses levaranse a cabo diferentes actos conmemorativos. Aínda que o programa non está pechado, Juan Otero desvelou que unha das propostas é a celebración de concertos polas parroquias, pero haberá máis.

O acto oficial de apertura do curso reuniu no Pazo da Cultura á boa parte das familias dos 201 alumnos e alumnas que están matriculados/as no CMUS. Tamén se sumaron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, que desfrutaron coas actuacións musicais que ofreceu o profesorado para abrir e pechar o acto.

O equipo directivo explicou os aspectos básicos de funcionamento, sobre todo para o alumnado que se incorpora por primeira vez, e esbozou algúns dos seus novos proxectos, entre os que destaca a promoción da Banda Municipal de Música. Con esa finalidade estase estudando a posibilidade de crear unha asociación cultural. O vindeiro día 27 celebrarase unha xuntanza con esa intención.

As clases empezarán o luns 23. Tanto o alumnado coma as familias disporán de información na web do CMUS, www.carballo.gal/conservatorio/, que está en proceso de actualización de cara ao novo curso. Nestes momentos poden descargarse xa os horarios de elección de instrumentos, de ocupación das aulas, de atención do equipo directivo ou dos grupos de Iniciación Musical, entre outra documentación.

Compartir: