Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo modifica as zonas de...

O Concello de Carballo modifica as zonas de estacionamento no CEIP Fogar para facilitar o acceso durante as obras

A Policía Local intensificará a súa presenza na contorna do colexio

Martes 10 de setembro do 2019

Modificacións nas zonas de aparcamento

Modificacións nas zonas de aparcamento

As obras de reforma integral que está a acometer a Consellería de Educación no CEIP Fogar obrigan a modificar distintos aspectos da vida do centro, entre eles o acceso, tanto peonil coma rodado. En canto ao primeiro, o colexio decidiu habilitar para o alumnado as dúas portas de entrada dende a avenida de Bergantiños, e, polo que respecta ao segundo, esta semana celebrouse unha xuntanza entre a dirección do centro, a Policía Local e o Concello de Carballo na que se decidiu variar as zonas de estacionamento durante a execución das obras, ademais de intensificar a presenza dos axentes na contorna do cole.

Na reunión participaron, ademais do concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, e o alcalde, Evencio Ferrero, que se desprazaron ata o Fogar para interesarse polo desenvolvemento das obras.

A sinalización provisional quedou colocada hoxe

A sinalización provisional quedou colocada hoxe

Segundo a planificación establecida, os autobuses terán reservado un espazo na rúa Vila de Ordes, na zona dos aparcamentos en batería, nas horas de entrada e saída do colexio. O resto do día seguirá sendo, como ata agora, de uso libre. Mentres, os turismos poderán aparcar libremente na rúa Vila de Noia.

Dende a Concellaría de Mobilidade convidamos ás familias que precisen utilizar o coche a deixalo nos estacionamentos gratuítos situados nas inmediacións do centro para evitar embotellamentos ás horas de entrada e saída. Así mesmo, lembramos que os nenos e nenas que o desexen poden unirse ao pedibús, con dúas rutas que saen ás 09.10 horas dende a rúa do Muíño e fronte ao Mercado Municipal.

Compartir: