Inicio Carballo ao día Novas A urbanización de varias rúas abre...

A urbanización de varias rúas abre novas posibilidades de desenvolvemento urbanístico na zona de Pedra Furada

O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 325.000 euros para acometer unha serie de actuacións previstas no PXOM

Xoves 5 de setembro do 2019

A zona de Pedra Furada volve a estar en obras. Ata alí achegáronse hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, coincidindo co inicio dos labores de aglomerado da rúa Cándido González Tiradas, na que se leva a cabo un proxecto de reurbanización que incluíu a instalación de todos os servizos urbanísticos, a construción de beirarrúas e, agora, a pavimentación da zona de circulación. Tras estes últimos traballos pintaranse os carrís de circulación e as zonas de aparcamento, e procederase á colocación de papeleiras e a plantación de árbores de crecemento lento.

Ademais da rúa dedicada ao escritor carballés, o Concello de Carballo está a reurbanizar outras dúas na zona de Pedra Furada. Todas estas actuacións, previstas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), abrirán novas posibilidades de desenvolvemento urbanístico nese ámbito. O investimento total supera os 325.000 euros.

A empresa Lancer Proyectos y Obras, que agora traballa na rúa Cándido González Tiradas, levou a cabo tamén a reurbanización das rúas situadas entre Alcalde Peinador e Alcalde Bolón, por unha banda, e entre Alcalde Bolón e Alcalde Monteagudo, por outra. Son vías nas que practicamente non existía ningún servizo e mesmo estaban sen pavimentar. O proxecto incluíu a instalación de redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, enerxía eléctrica, alumeado, gas, telefonía e cable non só nesas rúas que aínda non teñen nome, senón tamén nas da contorna: Alcalde Peinador, Alcalde Bolón, Alcalde Monteagudo e Mirtos. En canto á actuación en superficie, creáronse novas rúas beirarrúas a ámbolos lados, aparcamentos e carrís de circulación. Agora falta a colocación de contedores e papeleiras.

Compartir: