Inicio Carballo ao día Novas Humor negro e música en directo na estrea...

O 5 DE SETEMBRO, ÁS 20.30 HORAS, NO PAZO DA CULTURA

Humor negro e música en directo na estrea da webserie “Premios Darwin”, rodada integramente en Carballo

A serie de Carmen Conde, finalista no Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay do 2018, xira arredor dalgunhas das mortes máis absurdas ocorridas en Galicia

Martes 3 de setembro do 2019 Cultura

Por se non coñeces os Premios Darwin, dirémosche que estes peculiares galardóns recoñecen, dende 1998, as mortes máis absurdas que se producen cada ano en todo o mundo. Pero agora, grazas ao Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, temos tamén a versión galega. Este xoves 5 de setembro, ás 20.30 horas, podes asistir no Pazo da Cultura á estrea da webserie Premios Darwin, rodada integramente no noso concello. A entrada é de balde.

Do mesmo xeito que nos Darwin Awards se distinguen mortes, accidentes ou esterilizacións casadas polo que os seus promotores consideran “erros absurdos”, nesta serie patrocinada polo Concello de Carballo e producida por Tarabela Creativa, a súa autora, Carmen Conde, preséntanos algunhas das mortes máis absurdas ocorridas en Galicia. Composta por tres capítulos, “Premios Darwin” ten elevadas doses de humor negro e conta coa participación de intérpretes ben coñecidos no audiovisual galego como Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Avelino González, María Vázquez, César Cambeiro ou Ana Santos.

A posta de longo da serie contará non só coa primicia da proxección dos tres episodios, senón tamén cunha actuación ao vivo da banda sonora da ficción a cargo de Nastasia Zürcher, que estará acompañada no auditorio do Pazo da Cultura por Adrián Saavedra.

Programa da estrea

  • 20.30 h. Acceso ao auditorio e benvida, cun breve espectáculo de narración oral de Carmen Conde, onde ademais nos explica a orixe da serie dende o punto de vista do guión e como deu o salto dende a dramaturxia ao audiovisual. 
  • 21.00 h. Proxección dos tres capítulos da serie.
  • 21.30 h. Explicación do proceso creativo e coloquio do público asistente coas creadoras e creadores de “Premios Darwin”.

Vídeos



Galería

Compartir: