Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo tramitará fondos...

PLENO ORDINARIO

O Concello de Carballo tramitará fondos europeos para unha rede de carrís-bici e a mellora da eficiencia enerxética de edificios públicos

Aprobadas dúas mocións do grupo socialista: unha para a creación de prazas de aparcamento para mulleres embarazadas e familias con bebés e outra para reformar o parque infantil da Praza do Hospital

Martes 30 de xullo do 2019

A Casa do Concello é un dos edificios nos que se pretende mellorar a eficiencia enerxética

A Casa do Concello é un dos edificios nos que se pretende mellorar a eficiencia enerxética

O Concello de Carballo xa conta co aval da corporación municipal para iniciar a tramitación dos fondos europeos precisos para acometer dous importantes proxectos medioambientais: a creación dunha rede de carrís-bici e a mellora da eficiencia enerxética de edificios e instalacións públicas. O BNG e o PP amosaron o seu apoio á proposta no pleno ordinario celebrado este luns. O PSOE abstívose e Terra Galega votou en contra. 

O proxecto “Cicl-Ando Carballo”, que inclúe o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. O orzamento acada os 2.141.618,86 euros. Para optar aos fondos europeos consignados para este tipo de actuacións é preciso ter aprobado o Plan de mobilidade urbana sostible (PMUS). Este trámite tamén se realizou no pleno deste luns cos votos favorables do BNG e o PP e a abstención dos outros dous grupos.

O outro proxecto aprobado, “Carballo sostible: enerxías renovables e eficiencia enerxética dos edificios públicos”, ten un importe total de 2.064.444,72 euros e permitiría mellorar a eficiencia enerxética en 18 edificios e instalacións municipais.

Desenvolvemento da sesión

Praza do Hospital

Praza do Hospital

Despois de dar conta da aceptación das dedicacións exclusivas e dos representantes de cada grupo en comisións e órganos colexiados, a corporación municipal entrou nos asuntos de debate. Coa abstención de toda a oposición saíu adiante a modificación orzamentaria para facer fronte ás certificacións finais das obras da skate-praza e o campo de fútbol do Carral, que suman 79.604,82 euros.

A adhesión do Concello de Carballo á central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) saíu adiante por unanimidade. A continuación o debate centrouse no PMUS e os proxectos europeos.

Tamén foron aprobadas as dúas mocións presentadas polo PSOE: unha relativa á creación de prazas de aparcamento específicas para mulleres embarazadas, persoas con mobilidade reducida transitoria e familias con bebés, que foi apoiada por todos os grupos agás o PP, que se abstivo, e outra para a reforma do parque infantil da Praza do Hospital, que saíu adiante por unanimidade.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa interesouse, entre outras, por cuestións relativas á praia de Razo, a Escola Municipal de Hostalaría, unha tala de árbores, os bolardos, o servizo de comunicación ou a solicitude de fondos FEDER.

Compartir: