Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo inviste 600.000 euros en...

O ABASTECEMENTO DE AUGA, PREVISTO PARA ESTE ANO, ELEVARÁ O INVESTIMENTO A 1 MILLÓN DE EUROS

O Concello de Carballo inviste 600.000 euros en tres grandes proxectos na parroquia de Lema

O aglomerado da Vixía ao Igrexario está case listo, no Castrillón veñen de empezar as obras e no centro social arrincarán, a petición da veciñanza, despois das festas

Mércores 24 de xullo do 2019

Luis Lamas, Juan Seoane e Evencio Ferrero visitaron as obras

Luis Lamas, Juan Seoane e Evencio Ferrero visitaron as obras de aglomerado

O Concello de Carballo ten en marcha na parroquia de Lema as tres grandes actuacións que o Consello Parroquial marcou como prioritarias e nas que investiremos 600.000 euros. Esta cantidade superará o millón de euros coa rede de abastecemento de auga, que figura nos orzamentos municipais deste ano cunha partida de 431.876,23 euros. 

O máis avanzado é o proxecto de aglomerado dende a Vixía ata o Igrexario, que executa a empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 206.728,50 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane, puideron comprobar onte que os traballos están case listos. Ademais da pavimentación da vía, a actuación incluíu a instalación das redes de saneamento e auga e o acondicionamento do campo da festa.

O proxecto da Vixía ao Igrexario incluíu a pavimentación do campo da festa

O proxecto da Vixía ao Igrexario incluíu a pavimentación do campo da festa

A mesma empresa encargarase tamén da reforma integral do centro social, ao que destinamos outros 182.000 euros. As obras comezarán despois das festas, atendendo deste xeito a petición da veciñanza. O proxecto, que responde ao plan de necesidades expresado polo movemento asociativo da parroquia, afecta a todos os elementos do edificio, do que practicamente só se conservarán os muros exteriores. A nova sede veciñal terá unha superficie en planta baixa de 148,80 metros cadrados útiles, nos que se acondicionarán unha zona de cociña e barra, un despacho, dous aseos, un salón de 80 metros cadrados e un almacén. Tamén se conservará parte do soportal actual. Ademais da redistribución renovaranse todas as instalacións, mobiliario, portas e ventás. Tamén se actuará en todas as fachadas exteriores e na cuberta.

Pero a actuación non só afecta ao edificio, senón que tamén está prevista a urbanización de toda a parcela, na que se habilitarán unha zona de aparcamento e un parque con xogos infantís e equipamento de ocio saudable para as persoas maiores.

As obras concéntranse agora na contorna da igrexa

As obras concéntranse agora na contorna da igrexa

A terceira actuación en marcha, neste caso executada por Construcciones Vázquez y Reino, é a conservación e mellora viaria no núcleo de Castrillón, que foi adxudicada por 210.056 euros e que vén de comezar esta mesma semana coa limpeza das vías. Neste lugar acometerase unha intervención semellante ás realizadas en Cances Grande, O Rodo (Oza) ou as máis recentes en Vilar de Cidre (Razo) e Entrecruces. O obxectivo fundamental é deixar instalada a canalización para a futura conexión á rede de abastecemento de auga a Lema (incluída nos orzamentos deste ano), e pavimentar todo o rueiro con formigón.

Compartir: