Inicio Carballo ao día Novas Aberto do 8 de xullo ao 2 de agosto o prazo de...

Aberto do 8 de xullo ao 2 de agosto o prazo de inscrición para un novo curso de cociña na Escola Municipal de Hostalaría

O proceso de selección dos/as 15 alumnos/as constará de tres probas eliminatorias

Sábado 6 de xullo do 2019

Coincidindo co período de prácticas da primeira promoción, este luns 8 de xullo abrirá o prazo de inscrición para o próximo curso de cociña na Escola Municipal de Hostalaría, que dirixe o cociñeiro Fernando Agrasar. As persoas interesadas poderán presentar ata o día 2 de agosto -a través do Rexistro Municipal, os rexistros auxiliares ou o telemático- a folla de solicitude, que estará dispoñible nas oficinas municipais do segundo andar do Fórum e tamén na páxina web do Concello de Carballo, na que tamén poderán descargarse as bases completas do proceso de selección de alumnado.

Para formarse na Escola de Hostalaría de Carballo só é preciso ter 18 anos cumpridos e posuír unha titulación mínima de graduado en ESO ou equivalente. A acción formativa terá unha duración total de 1.150 horas, previsiblemente comezará en outubro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.30, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 240 horas de prácticas en empresas.

Proceso de selección

Dado que as prazas son limitadas, a selección realizarase do seguinte xeito: haberá tres probas eliminatorias, nas que será preciso acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente.  Á proba final só accederán as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames.

A primeira proba será teórica e escrita, e terá como obxecto avaliar os coñecementos, aptitudes e habilidades dos/as aspirantes neste ámbito profesional. Os/as candidatos/as deberán responder a 40 preguntas tipo test, con catro respostas das que só unha será válida, nun tempo máximo de 60 minutos. Cada pregunta correcta terá un valor de 0.25, e será imprescindible acadar un 5 para pasar á segunda proba, que consistirá nunha entrevista curricular e por competencias que permitirá valorar a actitude, motivación e interese pola acción formativa dos/as aspirantes, a súa traxectoria laboral no sector e a súa idoneidade para o posto. Tamén se terá en conta a dispoñibilidade horaria e xeográfica. Nesta fase poderase aportar toda a documentación curricular que se considere precisa.

Os/as 30 candidatos/as con mellores notas pasarán ao terceiro exame, de carácter práctico, que consistirá nunha proba de cociñado na que, nun tempo máximo de 90 minutos, deberán elaborar un prato partindo dun ingrediente común. O tribunal valorará o sabor, a presentación, a creatividade e a limpeza. Para optar a unha das 15 prazas será preciso acadar un mínimo de 5 puntos sobre 10.

Descargas

Vídeos

Compartir: