Inicio Carballo ao día Novas Aprobado de forma inicial o estudo de detalle da...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado de forma inicial o estudo de detalle da fachada costeira de Razo, previsto no PXOM

Entre as licenzas urbanísticas aprobadas na sesión de hoxe figuran dúas para outras tantas naves industriais no polígono de Bértoa

Luns 1 de xullo do 2019

O estudo de detalle afecta a unha superficie de 29.265 metros cadrados

O estudo de detalle afecta a unha superficie de 29.265 metros cadrados

A Xunta de Goberno Local, na súa primeira sesión dende a constitución e organización da nova corporación municipal, aprobou hoxe de maneira inicial o estudo de detalle da fachada costeira de Razo, que está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que afecta a un ámbito de 29.265 metros cadrados en terreos clasificados como solo de núcleo rural de tipo común. En breve abrirase un prazo de información pública para que as persoas interesadas poidan consultalo e, no seu caso, formular alegacións.

O estudo de detalle ten obxectivos compartidos co plan especial, que tamén está en fase de elaboración, como o establecemento de medidas de urbanización da vía costeira e a eliminación do tráfico rodado na mesma ou a indicación das accións de recuperación medioambiental e paisaxística necesarias para as áreas degradadas. Deste xeito, no estudo farase unha diagnose do estado actual do espazo público que inclúe a rúa Paseo da Praia e as perpendiculares, facendo consideracións ao tema da circulación, os materiais e mesmo á ocupación dese ámbito coas terrazas dos establecementos de hostalaría. Tamén se analizarán as edificacións existentes _22 sobre 24 parcelas_ así coma os cerramentos das fincas.

Outros asuntos

Na súa xuntanza de hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén facturas por importe de 80.270,17 euros, un convenio coa Universidade da Coruña para a organización do XV Curso de Verán sobre dinamización lingüística traballando en lingua no turismo e outro con La Voz de Galicia para a celebración do Festifolk Costa da Morte, vaos permanentes e licenzas de obras, dúas delas para a construción doutras tantas naves industriais no polígono de Bértoa.

En materia de contratación adxudicuse a Instalaciones Deportivas Gallegas S.L. o subministro e colocación de pavimento deportivo e canastras elevables ao teito en varias instalacións deportivas, aprobouse a prórroga do contrato para a creación dunha aplicación web de xestión do servizo de axuda no fogar e iniciouse o procedemento para a contratación das obras de reurbanización da rúa Campo da Feira e a súa contorna por un importe de 276.417,03 euros.

Compartir: