Inicio Carballo ao día Novas Doce establecementos acollerán en...

O PRAZO DE MATRÍCULA PARA O PRÓXIMO CURSO ABRIRÁ EN XULLO

Doce establecementos acollerán en réxime de prácticas ao alumnado da Escola Municipal de Hostalaría

Hoxe tivo lugar a sinatura dos convenios de colaboración entre o Concello de Carballo e o empresariado

Xoves 27 de xuño do 2019

Os/as participantes no acto de hoxe

Os/as participantes no acto de hoxe

Sete dos doce establecementos de restauración que acollerán en réxime de prácticas ao alumnado da Escola Municipal de Hostalaría estiveron representados na sinatura dos convenios de colaboración co Concello de Carballo, que tivo lugar hoxe. Os/as 15 alumnos/as desta primeira promoción non só aprobaron o curso, senón que, tal como destacaron tanto o director da escola, Fernando Agrasar, coma o persoal técnico da Concellaría de Formación, Innovación e Emprego, fixérono con nota, tanto polos resultados académicos coma pola altísima implicación que amosaron durante todo o curso. Agora teñen por diante dous meses para enfrontarse ao traballo real.

Evencio Ferrero e Fernando Agrasar

Evencio Ferrero e Fernando Agrasar

“Entre o alumnado –explicou Fernando Agrasar- hai xente máis válida para unhas cousas e xente máis válida para outras. Por iso, á hora de asignar as prácticas guiámonos polas súas preferencias, sobre todo de cara a un futuro traballo, tratando de potenciar as súas capacidades. Agora temos que agardar a que rematen as prácticas para ver como se desenvolven, porque por moito estrés que queiramos xerar cos servizos que organizamos na escola para tratar de poñelos nunha situación real, ao final é unha simulación dunha situación real”.

Fernando Agrasar é un dos empresarios que acollerá a estudantes nos seus establecementos As Garzas e Salitre. A Ría, A Cunca, Raxería Río Sil, Asador Pedra Furada, Pementa Rosa, Monte Esqueiro Eventos, Fogón Retiro da Costiña, O Casino, O Seiruga e Furna Atlántica son as outras empresas colaboradoras.

Sinatura do convenio con A Cunca

Sinatura do convenio con A Cunca

Hoxe o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou convenios individuais con cada un deles, nun acto que se desenvolveu na Alcaldía e no que tamén estivo presente o concelleiro de Formación, Innovación e Emprego, Iván Andrade. Tanto os representantes municipais coma o empresariado destacaron o importante papel que pode xogar a Escola Municipal de Hostalaría de Carballo, referencia para toda a Costa da Morte, na formación de persoal cualificado para o sector, un dos máis dinámicos en todo o Estado en canto a contratacións.

Despois do verán arrincará o segundo curso da Escola Municipal de Hostalaría, e no mes de xullo abriremos o prazo de inscrición. As datas concretas daranse a coñecer nos vindeiros días.

Compartir: