Inicio Carballo ao día Novas Os Premios Carballés,...

Os Premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano 2017 dannos tres motivos máis para presumir de concello

As Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, Aloumiños e o FIOT amosaron unha vez máis o compromiso e a solidariedade da sociedade carballesa

Sábado 8 de xuño do 2019

Galardoados e autoridades, na foto de familia

Galardoados e autoridades, na foto de familia

Sempre dicimos que temos razóns para presumir de Carballo os 365 días do ano, pero hai días nos que os motivos se multiplican por tres, como pasou na entrega dos Premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano 2017. Fixéronse esperar, pero pagou a pena. As Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, Carballés; Aloumiños, Bergantiñán, e o FIOT, Galego do Ano 2017, representan a unha sociedade comprometida e solidaria como é a carballesa, un aspecto que destacaron todas a cada unha das persoas que interviñeron na gala.

Evencio Ferrero entregoulle a Chano Calvo o Carballés do Ano

Evencio Ferrero entregoulle a Chano Calvo o Carballés do Ano

Na mesa presidencial sentaron María Andrade, que exerceu coma mestra da cerimonia; Chicha Calvo, en representación da Fundación Luis Calvo Sanz; Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña; Fina Rey, presidenta do Padroado Fogar de Bergantiños, organizador dos galardóns, e Pedro Luis Fernández Pombo, como secretario da entidade e, nesta ocasión, tamén coma gaiteiro, pois ademais de dar lectura á acta, pechou o acto coa interpretación do Himno Galego.

Chicha Calvo entregoulle o Bergantiñán do Ano a Claudia Bajo

Chicha Calvo entregoulle o Bergantiñán do Ano a Claudia Bajo

Entre o público, representantes de boa parte dos concellos de Bergantiños, xa que, aínda que esta vez todos levan nomes carballeses, os premios son de ámbito comarcal e na súa elección participa o movemento asociativo dos sete concellos. “Hoxe é un día de festa, porque neste salón de plenos resoan voces que traen a emotiva lembranza, manifestando o orgullo de ser desta terra, e, sen dúbida, entregarannos sempre exemplos de solidariedade”, dixo Evencio Ferrero.

Solidariedade e compromiso foron as palabras máis repetidas durante o acto. O alcalde de Carballo foi o encargado de entregar o Carballés do Ano ás Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, representadas por Chano Calvo, que explicou a orixe da entidade, destacou o labor de José Torres Pichel e amosou especial orgullo de ter contribuído á promoción do deporte feminino. Chicha Calvo agasallou a Aloumiños co diploma de Bergantiñán do Ano. A presidenta da entidade, Claudia Bajo, que vén de aterrar no posto, quixo destacar o labor da súa antecesora, Mari Becerra, e expresar o compromiso da continuidade co importante labor de apoio a familias de toda a comarca que se está a desenvolver.

Ovidio Rodeiro entregoulle o Galego do Ano a Alberto Sueiro

Ovidio Rodeiro entregoulle o Galego do Ano a Alberto Sueiro

O Galego do Ano recolleuno Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, que dixo sentirse coma “profeta na terra” e amosou o seu desexo de que Carballo “siga sendo o corazón do teatro”. Na súa intervención, que xa avisou de antemán que non ía ser breve, Sueiro insistiu no sentimento de orgullo que presidiu todo o acto. “A verdadeira galardoada hoxe é a sociedade carballesa. Os carballeses somos comprometidos, solidarios, e esta é a proba evidente. En resumo, o que se premia é a carballesía, que é a nosa forma de entender a vida”, dixo. Ovidio Rodeiro, que foi o encargado de entregarlle o diploma, pechou o acto destacando coma “idea forza” destes premios “o ben común”.

A sesión fotográfica de rigor e un aperitivo prolongaron a celebración durante máis de dúas horas.



Galería

Compartir: