Inicio Carballo ao día Novas Mikel Erentxun encherá de temas...

Mikel Erentxun encherá de temas míticos a Praza do Concello de Carballo na noite de San Xoán

O ex vocalista de Duncan Dhu presentará o seu último álbum en solitario e rememorará os grandes éxitos da banda donostiarra

Sábado 18 de maio do 2019 Cultura

A casualidade fixo que nacera en Caracas (Venezuela) un 23 de febreiro de 1965 aínda que polas súas venas só corre sangue donostiarra e, por suposto, moita e moi boa música. Con 25 discos ás súas costas e 34 anos percorrendo con éxito os escenarios de todo o mundo, Mikel Erentxun continúa compoñendo cancións de amor e desamor coa mesma paixón, ilusión e perseveranza dos inicios pero cunha alta dose de extraordinaria madurez, que o empuxa a “reinventarse” día a día e a continuar explorando novos camiños como o que o traerá ao San Xoán de Carballo o 24 de xuño a partir das 23:00 horas para protagonizar a actuación máis meiga e feiticeira das nosas festas.

Con 54 anos, quen fora vocalista de Duncan Dhu (banda mítica dos 80) durante dúas décadas, confesa estar obsesionado polo paso do tempo, un tema que trata de levar con humor e que atravesa a súa vida e a súa obra de maneira recorrente, especialmente desde o susto de corazón que sufriu hai seis anos e que lle fixo apreciar máis a vida e propoñerse converter en realidade soños pendentes como viaxar a Tokio, durmir nun iglú en Laponia ou cruzar Estados Unidos en coche. Pero mentres que o reloxo transcorre inexorable, a música deste cantante vasco, arquitecto e profesión, parece non envellecer. Proba dilo é o seu traballo máis recente que leva por título “El último vuelo del hombre bala”, producido por Paco Loco, co que pecha unha triloxía iniciada con Corazones (2015) e El hombre sin sombra (2017), composicións propias ao 100% e autobiográficas, marcadas pola cronofobia (medo ao paso do tempo), o amor, o desamor e a crítica social coas que está a percorrer todo o país e que teremos a oportunidade de escoitar tamén en directo na Praza do Concello.

Duncan Dhu: o tándem Vasallo- Erentxun

Falar de Mikel Erentxun é falar de Duncan Dhu, a banda de pop acústico e poso rockabilly xurdida a mediados da década dos 80 que, nun tempo récord, se convertería nun dos maiores referentes do pop español dando lugar a auténticos himnos da nosa música como “Cien Gaviotas”, “Esos Ojos Negros”, “En Algún Lugar” ou “Una Calle de París”.

Pese a que os seus inicios na música chegan da man de Hillbilly Cats (con tan só 12 anos) e Los Aristogatos, será xunto a Diego Vasallo e Juan Ramón Viles (Ex-Dalton) cando acade unha proxección internacional que queda marcada cunha nominación aos Grammy e a aportación dun tema á película Dick Tracy. No ano 1991, chega ao mercado “Supernova”, o disco máis singular e arriscado da banda con melodías máis electrónicas e un marcado aire de soul e música negra. Un ano despois, o cantante donostiarra inicia a súa carreira en solitario, que compaxinará co grupo ata a súa desaparición definitiva en 2001, tras varias recopilacións de grandes éxitos e un disco-tributo á banda no que colaboraron grupos e artistas da talla de Los Secretos, Leiva, Carlos Goñi, Amaia Montero, Andrés Calamaro, La Cabra Mecánica, Hombres G e Álex Ubago. En 2013, Duncan Dhu volve á escena co álbum “El duelo” e un recopilatorio, que os levará de novo de xira por España e o estranxeiro.

En solitario

O ano 1992 marca o inicio da carreira en solitario de Mikel Erentxun, compaxinándoa como líder Duncan Dhu ata o 2001. O lanzamento do seu primeiro disco “Naufragios” é todo un éxito con máis de 260.000 copias vendidas e temas tan coñecidos como “A un minuto de ti” o “Jugando con el tiempo” ao que seguirá unha discografía que vai xa polo decimoquinto álbum, repleta de grandes éxitos e prestixiosos colaboradores internacionais como os músicos Mark Gardener, Robert Quine ou Pete Thomas, entre outros, e nacionais como Dani Martín ou Amaral. A terceira etapa da súa carreira musical chega da man do seu novo grupo Las Malas Influencias e un novo disco “Detalle del miedo”.

No seu afán por reinventarse e explorar novas facetas, o cantante donostiarra tamén se atreveu coa pequena pantalla participando en varios concursos de televisión como “la batalla de los coros”, onde dirixía a un grupo de futuras promesas do canto de San Sebastián que se proclamou vencedor do talent show. En 2016, tamén tivemos a oportunidade de velo e escoitalo no programa “A mi manera” compartindo recordos e versións de grandes éxitos dos 80 xunto a Marta Sánchez, Antonio Carmona, Nacho García Vega ou o finado Manolo Tena.

Este ano, a maxia do San Xoán fará posible que poidamos desfrutar dun dos artistas máis lendarios da música española, en directo e en persoa. Gozádeo!

Compartir: