Inicio Carballo ao día Novas A xornada técnica sobre a píllara...

A xornada técnica sobre a píllara das dunas puxo sobre a mesa distintas propostas para conservar esta especie ameazada

Técnicos de distintas Administracións e membros de colectivos conservacionistas participaron na sesión de traballo que tivo lugar hoxe no Fórum

Xoves 9 de maio do 2019

A xornada celebrouse hoxe pola mañá no Fórum

A xornada celebrouse hoxe pola mañá no Fórum

Concienciar a veciños e visitantes para manter limpas as praias e respectar o medio; deixar en desuso a máquina de crebar arena -que pode estragar niños e matar os polos e mesmo acabar coas algas que serven de sustento ou refuxio ás aves-; substituír as duchas dos areais por lavapés; eliminar os contedores que son punto de atracción dos depredadores; prohibir o acceso de cabalos, de animais domésticos soltos e de vehículos a espazos protexidos para evitar a contaminación atmosférica, ou regular actividades culturais, turísticas e deportivas (kite buggy, kitesurf, aeromodelismo, ala delta con motor, entre outras). Son algunhas das propostas das que se falou hoxe pola mañá no auditorio do Fórum Carballo durante a xornada técnica sobre a xestión e a conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), organizada polo Grupo de traballo sobre a píllara das dunas, integrado por entidades conservacionistas, universidades, a Xunta e os concellos; parte importante deles, o de Carballo, un dos membros activos dese grupo a través da Concellaría de Medio Ambiente.

Entre os nomes propios dos relatores destacaron os de Jesús Domínguez (da Universidade de Santiago de Compostela, USC), María Vidal (tamén da USC, a maior coñecedora e experta do estado da píllara, con máis de vinte anos de estudo por todas as praias de Galicia), Ánxeles Domínguez e Francisco Meis (do Concello do Grove, xunto con Carballo, un dos municipios onde está activo o Grupo, ao que ultimamente se vén sumando o de Sanxenxo), Encarna González e Gustavo Ferreiro (SEO-Pontevedra) e Roberto Vidal (do Grupo Naturalista Hábitat e representante da Asociación Ambiental Senda Nova). Tamén asistiron axentes da Policía Autonómica, que ten competencias en medio ambiente. O Concello estivo representado polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que abriu o acto, e polo alcalde, Evencio Ferrero, que asistiu ao peche.

Logo de edicións anteriores celebradas en O Grove e na USC, coa xornada de Carballo quíxose implicar a todos os concellos da Costa da Morte e Ferrolterra. Non hai que esquecer que a de Baldaio (nesas comarcas, tamén Frouxeira, Doniños, San Xurxo, Traba, A Barra, Nemiña e Rostro) é unha das poucas praias galegas onde a píllara nidifica, e onde os cans soltos, as motos e os quads e a práctica de parapente constitúen as maiores ameazas para o Charadrius alexandrinus.

Compartir: