Inicio Carballo ao día Novas Os bens que integran o inventario municipal...

O SORTEO DAS MESAS ELECTORAIS PARA O 26 DE MAIO TAMÉN FIGURA NA ORDE DO DÍA

Os bens que integran o inventario municipal acadan un valor superior aos 276 millóns de euros

A actualización do inventario será unha das cuestións que abordará a corporación municipal no último pleno ordinario do mandato

Venres 26 de abril do 2019

Evencio Ferrero expuxo os asuntos do pleno

Evencio Ferrero expuxo os asuntos do pleno

O luns 29 de abril celébrase o último pleno ordinario deste mandato. A sesión, en plena resaca das eleccións xerais, comezará precisamente co sorteo para a selección dos compoñentes das mesas para as eleccións municipais e europeas do 26 de maio. Pero na orde do día figuran outros moitos asuntos que explicou esta mesma mañá en rolda de prensa o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Unha vez superados os dous meses de exposición pública, a modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) será aprobada de maneira provisional. A proposta recolle as achegas realizadas polos técnicos con respecto ás contradicións, dúbidas ou erros de redacción detectados na normativa.

O luns tamén será aprobada a actualización do inventario municipal de bens. A 31 de decembro do 2018 os bens acadaban un valor de 276.193.697,60 euros. Evencio Ferrero explicou que se produciron baixas por valor de 66.000 euros e altas por importe de 384.000, ademais de variacións nos valores de bens inmobles, sobre todo, por máis de catro millóns de euros.

Así mesmo, a corporación aprobará a conta de recadación correspondente ao exercicio 2018, que ascende a 11.659.205,69 euros. O alcalde de Carballo destacou o elevadísimo grao de cumprimento no pago por parte da veciñanza, xa que se sitúa arredor do 90% no período voluntario.

Outra proposta de carácter técnico que se materializará no pleno do luns é a Ordenanza Fiscal Xeral de Xestión, Inspección e Recadación Tributaria, que será aprobada inicialmente e que ten como finalidade, tal como explicou o alcalde, facilitar o pago aproveitando os medios técnicos existentes.

Na convocatoria figura, así mesmo, a revisión de prezos do contrato do alumeado referida ao ano 2017. Dado que nese período baixou o custe da enerxía eléctrica, a empresa concesionaria deberá reintegrar ao Concello de Carballo máis de 100.000 euros.

Tamén se someterá a debate o recoñecemento de pagos pendentes de exercicios anteriores para, como explicou Evencio Ferrero, “deixar todo pechado antes das eleccións”.

Descargas

Compartir: