Inicio Carballo ao día Novas Retirado dunha vivenda do Piñeiro de...

Retirado dunha vivenda do Piñeiro de Berdillo o primeiro niño primario de avespa velutina do ano

As persoas que localicen un niño poden chamar aos teléfonos 012 e 112 ou poñerse en contacto directamente no servizo municipal de control de pragas no 981 754 699

Mércores 6 de marzo do 2019

A raíña que ocupaba o primeiro niño primario foi capturada

A raíña que ocupaba o primeiro niño primario foi capturada

O servizo municipal de control de pragas recibiu onte martes o primeiro aviso do ano pola aparición dun niño primario de avespa velutina. O niño, situado nunha vivenda do Piñeiro, na parroquia de Berdillo, foi retirado e a súa ocupante, capturada. Esta primeira intervención do servizo municipal, que o ano pasado retirou un total de 646 niños entre primarios e secundarios, coincide coa posta en marcha da campaña de trampeo en colaboración cos apicultores locais.

O niño estaba nunha vivienda do Piñeiro de Berdillo

O niño estaba nunha vivienda do Piñeiro de Berdillo

O que parece claro é que as avespas asiáticas están aquí para quedar e que se van adaptando ás condicións e á nova contorna nas que se atopan. No ano 2016 o primeiro niño primario apareceu o 25 de maio. No ano 2017 xa se adiantou case dous meses, e nesta ocasión chegou aínda máis cedo. O obxectivo este ano volve a ser cazar o maior número de raíñas posible durante a campaña de trampeo, na que todo o mundo pode colaborar solicitando unha trampa e líquido atraínte no servizo municipal ou ben colocando unha trampa caseira, igualmente eficaz.

As persoas que localicen un niño poden avisar nos teléfonos 012 e 112, ou chamar directamente ao servizo municipal de control de pragas ao 981 754 699. A retirada realizarase de xeito gratuíto nun prazo de 24-48 horas.

Unha vez máis insistimos na conveniencia de extremar as precaucións durante a realización de traballos nos sectores forestal e/ou agrario para evitar picaduras. Se é o teu caso toma nota:

  • Antes de empezar a traballar, realizar un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras. 
  • Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
  • No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.

Compartir: