Inicio Carballo ao día Novas 600 teléfonos móbiles acaban cada...

600 teléfonos móbiles acaban cada ano nos minipuntos limpos instalados no casco urbano

O servizo vén de ser ampliado coa colocación dun novo punto de depósito na rúa Vázquez de Parga, no cruce das Catro Portas

Xoves 28 de febreiro do 2019

O novo minipunto limpo está situado na zona das Catro Portas

O novo minipunto limpo está situado na zona das Catro Portas

Dende esta semana contamos con tres minipuntos limpos en Carballo. Aos instalados nas rúas Perú e Fomento vén de sumarse un terceiro na Vázquez de Parga, no coñecido coma cruce das Catro Portas. Este servizo facilita á cidadanía o correcto deposito de ata sete modalidades diferentes de residuos para a súa correcta reciclaxe: pilas convencionais, alcalinas, de petaca e de botón; teléfonos móbiles de baterías, CDs e DVDs, cartuchos de impresora de inxección, lámpadas de baixo consumo e pequenos residuos eléctricos ou electrónicos.

O servizo leva funcionando dende o ano 2016 con bos resultados, xa que son moitos os produtos altamente contaminantes que grazas a este sistema de recollida reciben unha xestión axeitada.

As cantidades de residuos varían moito dun ano a outro agás no caso dos teléfonos móbiles, dos que se recollen cada ano unhas 600 unidades. Pero o residuo máis importante que acaba nos minipuntos limpos, aínda que vai en descenso, seguen sendo as pilas e as baterías de teléfono móbil, que no ano 2016 acadaron os 400 quilos (20.000 unidades), no 2017 os 329 quilos (16.450 unidades) e no 2018, 265 quilos (13.250 unidades).

No histórico de recollida tamén figuran estes outros produtos e cantidades:

  • Lámpadas: 825 unidades no ano 2016 (baixo consumo), 4.410 no 2017 (510 de baixo consumo e o resto, convencionais) e 3.600 unidades no 2018 (convencionais).
  • CDs e DVDs: 3.600 unidades no 2016, 2.700 no 2017 e 3.900 no 2018.
  • Cartuchos de impresora: 2080 unidades no 2016, 1.680 no 2017 e 1.600 no 2018.
  • RAEE: 1.950 unidades no 2016, 1.825 no 2017 e 625 no 2018.
En total, nestes tres anos de servizo foron recollidos 1.866 quilos de residuos.

O vindeiro luns, 5 de marzo, celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética, instaurado no ano 1998 co obxectivo de reflexionar sobre o uso racional da enerxía e as súas consecuencias sobre o medio ambiente.

Compartir: