Inicio Carballo ao día Novas A concelleira Milagros Lantes renova coma vogal...

A concelleira Milagros Lantes renova coma vogal da Rede de Cidades que Camiñan

Carballo foi o primeiro concello da provincia e o segundo de Galicia en adherirse á asociación

Mércores 27 de febreiro do 2019

Milagros Lantes e Ana Montalbán, secretaria técnica da Rede

Milagros Lantes e Ana Montalbán, secretaria técnica da Rede

Carballo é un dos 43 concellos da península que integran a Rede de Cidades que Camiñan, o segundo de Galicia despois de Pontevedra e o primeiro da provincia da Coruña. Dende decembro do ano 2015, a concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, forma parte da xunta directiva coma vogal. O seu cargo vén de ser renovado nunha asemblea na que tamén volveu a ser elixida a cidade de Pontevedra, representada polo seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para exercer a presidencia da asociación. O vicepresidente será Juan Carlos Cabrera, de Sevilla, que se incorpora ao equipo directivo xunto cos novos vogais de Cádiz, La Rinconada, Mairena del Aljarafe e a portuguesa Torres Vedras. Ademais de Carballo, repiten Córdoba, Maó-Mahón e Ponferrada.

As funcións de secretaría, tesourería e coordinación pasan a ser responsabilidade da Secretaría Técnica, cargo externo á xunta directiva, para o cal foi nomeada Ana Montalbán, arquitecta, urbanista e activista peonil, que visitou recentemente o noso concello.

Nestes días os representantes das cidades que integran a nova xunta directiva asinan os seus cargos, á vez que se ultima o plan de acción para este ano, poñendo a énfase no aumento da difusión da filosofía de camiñabilidade que sustenta á Rede e no fortalecemento de participación da asociación en mesas de traballo locais e supra-locais. Un exemplo dese traballo será a participación da Rede de Cidades que Camiñan o 5 de marzo na xornada "Cidades a pé", organizada pola DXT.

Dende Carballo, a concelleira Milagros Lantes reitera o compromiso do goberno municipal co fomento da mobilidade peonil mediante accións vinculadas á participación social, o medio ambiente, a accesibilidade universal e a seguridade viaria.

Compartir: