Inicio Carballo ao día Novas Un obradoiro arredor do feminicidio abrirá...

HABERÁ SERVIZO DE CANGURAXE PREVIA SOLICITUDE

Un obradoiro arredor do feminicidio abrirá o vindeiro luns o programa de actividades do Día Internacional da Muller

Mércores 27 de febreiro do 2019

Promover o debate e a reflexión sobre a igualdade de xénero en todos os sectores da sociedade é o obxectivo final do programa de actividades deseñado pola Concellaría de Igualdade e Benestar para conmemorar o Día Internacional da Muller. A través do Centro de Información á Muller, e en coordinación coa Biblioteca Municipal Rego da Balsa, ao longo do mes de marzo desenvolveremos distintas iniciativas que complementaremos coa difusión dun novo vídeo.

Arrancaremos o vindeiro luns 4 de marzo, de 18.00 a 20.00 horas, no Pazo da Cultura, cun obradoiro arredor do feminicidio que será impartido por Carme Adán. A autora de Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión introducirá o tema para o debate final entre as persoas participantes. “O obxectivo é definir e debater sobre a violencia de xénero e diferenciala da violencia doméstica ou intrafamiliar”, explica a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. Para esta actividade ofrécese un servizo de canguraxe coa finalidade de facilitar a participación de mamás e papás. As persoas que o precisen deben solicitalo previamente chamando ao teléfono do CIM, 981 700 688. O prazo está aberto ata o venres 28.

As actividades trasladaranse o xoves 7 ata a Biblioteca Municipal Rego da Balsa, que acollerá a partir das 19.00 horas o faladoiro Feministas e artistas, unha nova proposta das Xornadas Guerrilleiras que nos propón cada ano por estas datas a biblioteca.

O 18 de marzo de 10.00 a 14.00 horas desenvolverase no Pazo da Cultura un novo e interesante obradoiro, nesta ocasión sobre Confianza e seguridade das mulleres na rede, que vai dirixido a mulleres con coñecementos de informática a nivel usuaria. As interesadas poden inscribirse no CIM, ou ben acudindo ao edificio de Servizos Sociais na Praza do Médico Eduardo Mariño ou chamando ao 981 700 688.

Para rematar, o 20 de marzo procederase á proxección do documental Noetiña, gañador do I Premio Luísa Vilalta da Deputación da Coruña. Esta iniciativa, que se desenvolverá no Pazo da Cultura, vai dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, que participará nun debate posterior ao visionado da película cunha das súas protagonistas.

Ademais, a Concellaría de Igualdade dotará aos centros de educación infantil e primaria do concello de varios exemplares de libros sobre igualdade para as súas bibliotecas. “Deste xeito –indica Maica Ures- o alumnado máis novo terá acceso a lecturas que versan sobre a igualdade”.

Compartir: