Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aprobou os...

A ORDENANZA DE TRÁFICO XA É DEFINITIVA

A corporación municipal aprobou os convenios que regulan as condicións de emprego do persoal funcionario e laboral

As mocións de Terra Galega e o PP sobre as rúas Eduardo Blanco Amor e San Xosé foron rexeitadas

Martes 26 de febreiro do 2019

O pleno ordinario celebrouse este luns 25

O pleno ordinario celebrouse este luns 25

O 21 de xuño do ano 2018 foron asinados, por primeira vez na historia do noso concello, un convenio colectivo do persoal laboral e un acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario, dous documentos esenciais para a ordenación dos recursos humanos e que suporán unha mellora nas condicións de traballo dos empregados municipais e a súa optimización, ao tempo que garantirán e potenciarán o bo funcionamento e a cobertura dos servizos a prestar. Eses documentos, tras as correccións e adecuacións propostas na Mesa de Negociación foron aprobados pola corporación municipal no pleno celebrado este luns 25. Todos os grupos votaron a favor agás TeGa, que se abstivo.

O único acordo que mereceu a unanimidade do pleno, e que tamén afecta ao ámbito laboral, foi a modificación da RPT (Relación de Postos de Traballo) para incluír un posto de viceinterventor/a.

Na sesión saíu adiante o primeiro recoñecemento extraxudicial de créditos deste ano, por importe de 213.731,90 euros, coa abstención dos tres grupos da oposición.

PP e TeGa abstivéronse tamén en relación á corrección de dous proxectos incluídos no Plan Único POS+ 2019, que saíu adiante cos votos a favor do BNG e o PSOE. O PP, que contou con 4 representantes debido á ausencia de Ana Casáis, tamén se abstivo con respecto á aprobación definitiva da Ordenanza municipal reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria. TeGa e PSOE votaron en contra.

A adhesión do Concello de Carballo á Iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, que ten como finalidade involucrar ás administracións e á cidadanía para reducir as emisións de CO2 nun 40%, como mínimo, de aquí ao ano 2030, contou co apoio de todos os grupos agás o de TeGa.

Mocións, rogos e preguntas

A moción de TeGa sobre a accesibilidade a un edificio da rúa Blanco Amor foi rexeitada, xa que o grupo propoñente só contou co apoio do PP. Tampouco saíu adiante a iniciativa dos populares sobre a rúa San Xosé, na que non obtiveron o respaldo de ningún outro grupo.

O PSOE presentou un rogo para que o persoal da recollida de lixo coloque os colectores con máis coidado e preguntou sobre o saneamento de Río de Loenzo (Bértoa). O PP pediu que se arranxen unhas lousas da Praza do Concello e preguntou por cuestións coma a iniciativa “eu quero a Carballo”, a situación de varias rúas, pistas e parcelas ou os problemas provocados pola rotura dunha canalización na rúa Barcelona. TeGa solicitou o arranxo dunha beirarrúa na Ganduma (Berdillo) e dun vertido na estrada de Razo, e preguntou polos plans especiais do litoral, a praza de inspector de policía, a retirada dun poste en Sísamo ou a cesión aos empresarios do edificio municipal do polígono de Bértoa.

Compartir: