Inicio Carballo ao día Novas O comercio carballés exhibe o seu...

O comercio carballés exhibe o seu músculo reunindo a 40 establecementos na Feira das Oportunidades

A iniciativa cumpre 11 anos plenamente consolidada tanto entre o sector coma entre o público

Sábado 23 de febreiro do 2019

Representantes do CCA e o concelleiro Xosé Regueira presentaron a feira no Xardín

Representantes do CCA e o concelleiro Xosé Regueira presentaron a feira no Xardín

O presidente do Centro Comercial Aberto (CCA), Ricardo Pallas, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, presentaron este sábado unha nova edición da Feira das Oportunidades, unha cita plenamente consolidada no calendario carballés de eventos despois de once anos de éxitos.

Ricardo Pallas destacou que o feito de que participen 40 establecementos e de que todos sexan de Carballo “é un aliciente para nós e fala da fortaleza do comercio local, ademais de darlle un valor engadido á feira, porque a xente coñece o comercio que vai estar nela”.

Téxtil, tecnoloxía, calzado, complementos e incluso automoción estarán representados na Feira das Oportunidades 2019, que se celebrará os días 9 e 10 de marzo nunha carpa no Rego da Balsa. Ademais dos postos de venda haberá actividades de animación e “moitas sorpresas”, segundo anuncia o CCA.

Xosé Regueira coincidiu con Ricardo Pallas en que a participación de 40 negocios “dá boa mostra do músculo do comercio local, que é quen de facerlle fronte ás grandes superficies e a Internet”. O concelleiro de Promoción Económica destacou que a Feira das Oportunidades está tan consolidada “que a xente achégase para pechar as compras da temporada”.



Galería

Compartir: