Inicio Carballo ao día Novas A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio...

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños atendeu o ano pasado a 143 familias da comarca

O Concello de Carballo cede as instalacións que albergan o servizo, que é público e gratuíto

Luns 18 de febreiro do 2019

A unidade está situada no edificio municipal de Servizos Sociais

A unidade está situada no edificio municipal de Servizos Sociais

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños (UDIAF-Bergantiños) atendeu ao longo do ano 2018 a 143 familias na súa sede, situada no edificio municipal de Servizos Sociais. O vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá, Jaime Ponte, e o equipo da UDIAF, deron a coñecer os resultados da actividade asistencial no 2018.

A unidade de atención temperá, que funciona en Carballo dende o ano 2014, presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento aos nenos de 0 a 6 anos, segundo regula o Decreto 183/2013 polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá. 

Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos dende outros servizos. A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todos os que poidan darse no desenvolvemento infantil: problemas evolutivos, afectivo-emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos. En total, no ano 2018 foron atendidas 143 familias, realizáronse 2.339 prestacións de apoio personalizado e 499 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. Debido ao incremento da demanda, a demora asistencial aumentou ata os 50 días de promedio.  

A maior parte das familias atendidas (60%) eran residentes no municipio de Carballo, un 14% en Ponteceso, 12% en Laracha, 6% en Malpica, 3% en Coristanco, 3% en Laxe, e 2% en Cabana; cifras normalmente correlativas á poboación dos distintos concellos.

Nas enquisas anónimas cubertas polas familias, a satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha puntuación de 4,76 sobre un máximo de 5. Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza.

Un servizo público e gratuíto

A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas UDIAF do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social.

Na actualidade a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de 1 psicóloga, 1 psicomotricista, 1 logopeda e 1 administrativo. AGAT vén de solicitar un incremento do convenio co obxecto de aumentar o número de profesionais, e cubrir satisfactoriamente o incremento da demanda. 

Trátase dun servizo público e totalmente gratuíto para as familias da comarca de Bergantiños. O contacto pode realizar a través da propia sede na Avenida Ambulatorio Nº 39 en Carballo, no correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410.

Compartir: