Inicio Carballo ao día Novas O alumnado da Escola Municipal de...

O alumnado da Escola Municipal de Hostalaría empeza a “traballar” con público

Os cursos de Cociña e Servizos de bar e restaurante ofreceron hoxe unha degustación de petiscos a un grupo de usuarios de APEM

Venres 15 de febreiro do 2019

O alumnado da Escola Municipal de Hostalaría de Carballo pasou hoxe a súa primeira proba de lume. As alumnas e alumnos do curso de Cociña prepararon unha degustación de petiscos e o de Servizos de bar e restaurante foron os encargados de servilos. A súa “clientela” foi un grupo de usuarios e usuarias da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) que realizaron unha visita ás instalacións do Fórum. Ata alí achegouse tamén o alcalde, Evencio Ferrero, que conversou cos visitantes e louvou o traballo que están a facer o profesorado e o alumnado de ámbalas accións formativas.

Na cociña xa se leva traballando dende outubro e iso nótase, porque calquera dos petiscos que se serviron hoxe, elaborados integramente polo alumnado baixo a supervisión do director do centro, Fernando Agrasar, estiveron a un nivel moi alto. O menú estivo integrado por un variado de croquetas (de polo en pepitoria, de xamón, de polo ao chilindrón e de lura na súa tinta), empanada de bonito, chupito de polbo, crema de lentellas, arroz caldoso de peixe e marisco e requesón e mazá, galleta e lima.

Todo exquisito e moi ben servido polos alumnos e alumnas de Servizos de bar e cafetería, que, malia que só levan un par de semanas de curso, xa se manexan moi ben coas bandexas.

Aínda que hoxe foron usuarios/as de APEM, ata o remate do curso de Cociña levaranse a cabo distintas degustacións para diferentes sectores da poboación.



Galería

Compartir: