Inicio Carballo ao día Novas Convocado o I Concurso de Solistas para o...

Convocado o I Concurso de Solistas para o alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo

Os/as gañadores/as actuarán como solistas acompañados/as pola banda ou pola orquestra do CMUS

Venres 8 de febreiro do 2019 Educación Conservatorio

O Conservatorio Profesional de Música de Carballo convoca o I Concurso de Solistas para dar ao alumnado a posibilidade de interpretar unha obra de concerto como solista no auditorio do Pazo da Cultura e acompañado pola banda ou a orquestra do CMUS. O concurso vai dirixido tanto aos estudantes de Grao Elemental coma de Grao Profesional.

Os/as interesados/as deben inscribirse na secretaría do CMUS entre o 11 e o 28 de febreiro, previa autorización do titor ou titora, xa que só poderán presentarse 3 por especialidade.

O concurso constará de dúas fases. Os días 7 e 8 de marzo desenvolverase a primeira, na que, sen acompañamento pianístico, cada titor/a escollerá internamente aos alumnos/as. Na seguinte, prevista para o 27 de marzo no auditorio, o alumnado preseleccionado concorrerá a unha proba na que interpretará unha obra con acompañamento e piano. En función do curso no que estean matriculados/as, os/as aspirantes partirán cun hándicap corrector de puntuación.

Ademais de actuar como solistas, os/as gañadores/as do primeiro premio recibirán un cheque-regalo con diploma acreditativo. Ao resto de finalistas faráselles entrega dun diploma. As bases completas, no documento adxunto.

Descargas

Compartir: