Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Turismo difunde a...

A Concellaría de Turismo difunde a gastronomía de Carballo en Xantar e o noso proxecto de arte urbana na MIMOC

O concello carballés contará cun espazo propio de difusión nos stands da Deputación da Coruña

Mércores 6 de febreiro do 2019

O pan e a empanada de Carballo son dous clásicos que non poden faltar en Xantar

O pan e a empanada de Carballo son dous clásicos que non poden faltar en Xantar

En febreiro, Carballo vai de feira. En Turismo imos de viaxe para difundir a nosa gastronomía e tamén para falar dos nosos murais, dous sinais de identidade da vila que adoitan ter moito éxito alá onde van. E farémolo grazas á Deputación da Coruña, que nos cede parte do seu espazo nas feiras para promocionarnos. Empezamos con gastronomía, xa que o sábado 9 e o domingo 10 de febreiro estaremos en Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Expourense. Levaremos o Pan de Carballo e tamén empanadas para a degustación dos visitantes e para que vexan o riquísimos que están os nosos produtos.

Xantar é a única feira internacional de Turismo Gastronómico recollida no calendario oficial de Feiras Comerciais Internacionais españolas. Entre o 6 e o 10 de febreiro celebra a súa 20ª edición despois de 19 anos poñendo en valor os produtos agroalimentarios de calidade, a elaboración e o servizo profesional, ademais de crear redes de cooperación en materia de Gastronomía e Turismo Sustentable e Saudable.

E a fin de semana seguinte a Xantar, Carballo terá presenza en MIMOC, a II Mostra Internacional do Mundo do Ocio que ten lugar en Expocoruña do 15 ao 17 de febreiro. Neste caso, levaremos información e material sobre o proxecto de arte urbana Derrubando muros con pintura. O obxectivo é dara a coñecer o noso museo ao aire libre.

MIMOC acolle durante tres días todas as actividades e novidades do mundo do lecer nun ambiente lúdico e divertido. Food trucks, talleres, charlas, actividades deportivas, actuacións musicais, propostas artísticas son só algunhas das cousas que se poden atopar na feira, na que tamén hai un espazo especial para o turismo.

Compartir: