Inicio Carballo ao día Novas 245 persoas mellorarán o manexo do...

AVALANCHA DE SOLICITUDES

245 persoas mellorarán o manexo do teléfono móbil nos cursos organizados polo Concello coa colaboración de Cruz Vermella

Nos vindeiros días daremos a coñecer o calendario e os horarios provisionais dos obradoiros prácticos, que se celebrarán en 10 parroquias

Mércores 30 de xaneiro do 2019

A oferta de cursos de manexo do teléfono móbil provocou unha avalancha de solicitudes. Nos vindeiros días daremos a coñecer o calendario e os horarios provisionais dos obradoiros, nos que participarán un total de 245 persoas repartidas en 18 grupos. En coordinación da Cruz Vermella, que está organizando o voluntariado preciso para desenvolver a actividade, toca agora distribuír eses grupos por datas e horas, en función da dispoñibilidade das monitoras.

Como é lóxico, a maior parte das solicitudes son de veciños e veciñas da vila de Carballo, pero finalmente haberá cursos en 10 parroquias: Ardaña, Artes, Cances, Carballo, Entrecruces, Lema, Rus, Sísamo, Sofán e Vilela, nas que se acadou o número mínimo de inscricións. Aos veciños dos lugares nos que non foi posible completar o grupo ofreceráselles a opción de acudir a outra parroquia. 

Os talleres de manexo do teléfono móbil constarán de tres sesións de dúas horas de duración cada unha. En principio haberá cursos todos os martes e xoves a partir do 7 de febreiro e ata principios de xullo, aínda que, en función da dispoñibilidade do voluntariado, os prazos poderían acurtarse.

Dende o Concello de Carballo agradecemos a colaboración da Cruz Vermella e tamén do movemento asociativo das parroquias, que se encargou da difusión da actividade e da recollida de inscricións, e agardamos que esta iniciativa permita aos nosos maiores familiarizarse coas novas tecnoloxías de uso cotiá e cada vez máis xeralizado.

Compartir: