Inicio Carballo ao día Novas O Curruncho Pop máis literario arranca coa...

O Curruncho Pop máis literario arranca coa presentación do libro de Álvaro Alonso sobre Gene Clark e con Sid Griffin en concerto

O programa deste ano inclúe tres presentacións de libros e catro concertos, entre eles un tributo a Metro, a mítica banda carballesa dos anos oitenta

Mércores 30 de xaneiro do 2019 Cultura

Volve o Curruncho Pop á Biblioteca Rego da Balsa e este ano faino coa mellor música e ademais con moitas letras. O Curruncho Pop é unha proposta que pretende potenciar a biblioteca como espazo de acollida de todo tipo de manifestacións culturais. Aquí conflúen música en directo e literatura musical. Esta idea xa arrancara co monográfico sobre Bob Dylan na edición de 2017, e agora medra con presentacións literarias previas aos concertos e que gardan certa relación con eles.

Catro concertazos, cinco bandas (máis algunha sorpresa) e tres presentacións de libros compoñen a oferta desta edición, do melloriño que podemos ver este ano en Galicia en formato recoleto. E, coma sempre, de balde. Comezamos esta fin de semana, o sábado 2 de febreiro, e pechamos o 11 de maio.

SÁBADO 2 DE FEBREIRO

Sid Griffin

Sid Griffin

  • 19:30 h. Presentación do libro ‘Gene Clark. Vuela hacia el sol’ de Álvaro Alonso. O xornalista musical e doutor en Filosofía Álvaro Alonso presentará o libro ‘Gene Clark. Vuela hacia el sol’, un percorrido pola vida e obra do xenial músico norteamericano.
  • 20:30 h. Concerto de Sid Griffin. Sid Griffin é un músico norteamericano que liderou a bandas imprescindibles coma The Long Ryders ou The Coal Porters e que atesoura unha longa traxectoria desde a década dos oitenta, incluíndo traballos tamén en solitario. É unha lenda viva do rock, e un artista polifacético: músico, escritor, xornalista, produtor, director dun selo discográfico, entre moitas das súas facetas. En Carballo presenta o espectáculo ‘An Evening of Gene Clark Music’ unha homenaxe ás cancións do seu amigo Gene Clark, membro fundador dos Byrds e un dos máis grandes e menos recoñecidos compositores da música americana. Estará acompañado por un elenco de luxo formado por Óscar Avendaño (Siniestro Total), Juancho López (Paul Collins, Kurt Baker Combo), Ángel Kaplan (Feedbacks, Cynics, Bubblegum) e Moses Rubin.

SÁBADO 16 DE MARZO

  • 20:30 h. Son Los Grillos + Birds Are Indie. A vocalista Marta Rodríguez e o músico Mauricio Mora forman Son Los Grillos, un dúo valenciano que nos agasalla cun folk psicodélico de belísima factura. ‘Garden Of Clouds’ (2018) é o seu terceiro disco desde o seu debut homónimo en 2010.
  • Desde Coimbra chegan Birds Are Indie, da man de Ricardo Jerónimo, Joana Corker e Henrique Toscano. Banda independiente entre o folk e o pop e cun claro aire lo-fi. Gañáronse o favor do público e da crítica grazas a unha excelente e ampla discografía. O seu ultimo traballo leva por título ‘Local Affairs’ (2018).

SÁBADO 13 DE ABRIL

Portada do disco

Portada do disco "Metro"

  • 19:30 h. Presentación do libro ‘Unha historia de música en Galicia, 1952-2018’ de Fernando Fdez. Rego. Fernando Fdez. Rego presentará o seu libro ‘Unha historia de música en Galicia (1952-2018)’, onde se recollen historias como Metro, a banda carballesa dos oitenta, que tamén será lembrada cun concerto.
  • 20:30 h. Concerto homenaxe a Metro.

SÁBADO 11 DE MAIO

  • 19:30 h. Presentación do libro ‘Can. El sueño alemán’  de Jaime Gonzalo O polifacético Jaime Gonzalo, xornalista e crítico musical cofundador da revista Ruta66, presentará ‘Can: o milagro alemán’, excelente biografía da banda máis brillante do krautrock.
  • 20:30 h. Concerto de Pantis. Pantis é o proxecto en solitario de Rubén Domínguez. Músico, deseñador e realizador audiovisual que conta cun longo percorrido na escena galega a pesar da súa xuventude. Creou, xunto con Mar Catarina, o colectivo Prenom e formou parte de bandas como Cudevaso, JIJIJI, Metralletas Lecheras, Telephnes Rouges e Chicharrón, colaborando tamén con Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha, Franc3s ou El Columpio Asesino. En 2016 publicou ‘Pranto’ un disco íntegramente cantando en galego, onde conflúen a electrónica, o pop e o kraut.

A entrada a todos os concertos será de balde, pero, debido ás limitacións do aforo, será preciso reservar con anterioridade a través do teléfono 981 758 580. Só se reservarán un máximo de catro pases por persoa.



Galería

Compartir: