Inicio Carballo ao día Novas O uso dos contedores de téxtil usado no...

O uso dos contedores de téxtil usado no noso concello incrementouse un 23,8% en catro anos

A veciñanza de Carballo depositou o ano pasado 73 toneladas de roupa, calzado e complementos nos 18 colectores que ten a ONG Humana no noso concello

Venres 18 de xaneiro do 2019

Nestes momentos temos 18 puntos de recollida no concello

Nestes momentos temos 18 puntos de recollida no concello

A Fundación Humana, que promove a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil e desenvolvendo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, recolleu o ano pasado en Carballo máis de 70 toneladas de téxtil usado. O uso dos contedores específicos para este tipo de residuo incrementouse nun 23,8% en catro anos, ao pasar de 59.257 quilos no 2015 aos 73.361,25 quilos do ano pasado.

Nestes momentos contamos con 18 puntos de recollida de téxtil no noso concello, situados nos seguinte puntos: rúa Barcelona, rúa Perú (Centro Comercial Bergantiños), avenida do Ambulatorio (centro de saúde), rúa Luis Calvo (estación de autobuses), Praza Eduardo Pondal, rúa Gravador Manuel Facal, rúa Poñente (estación de servizo), Avenida de Bergantiños, CEIP Gándara-Sofán, cruce AC-552 con rúa Xosé Manuel Eirís, estrada de Santiago, rúa Mahón, rúa Gran Vía, Centro Social de Berdillo, Centro Social de Sofán, rúa Xílgaro, rúa Orquídea e rúa Igrexa. No do Centro Comercial Bergantiños  superáronse o ano pasado os 12.000 quilos de téxtil. Os menos utilizados polo contrario, son os da estrada de Santiago e a rúa Xosé Manuel Eirís.

Nos contedores de Humana podemos depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar que non usamos e que deste xeito poden ter unha segunda vida, ademais de contribuír ao desenvolvemento de proxectos sociais. Ademais, o servizo é gratuíto e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos.

Cada quilo de roupa que se reutiliza evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea, polo que as 73 toneladas recollidas o ano pasado en Carballo reduciron as emisións en 232 toneladas. Deste xeito tamén estamos a colaborar na protección do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.

Compartir: