Inicio Carballo ao día Novas Cada ano son adoptados na Canceira Municipal unha...

Cada ano son adoptados na Canceira Municipal unha media de 38 animais

Nos seis anos de funcionamento do servizo atoparon fogar un total de 229 cans e gatos, e outros 198 foron reclamados polos seus propietarios

Martes 15 de xaneiro do 2019

Kati foi adoptada en decembro

Kati foi adoptada en decembro

Rocky, Fito, Dino, Tofee, Tomás, Sparky, Jack, Ron, Nobus, Denia e Pinki son os cans e cadelas que agardan por un fogar na Canceira Municipal de Carballo. Se pinchas aquí podes ver os seus datos e fotos, pero tamén os de moitos dos 229 animais que foron adoptados ao longo dos seis anos de xestión deste servizo municipal por parte da empresa Servigal.

Cada ano rexístranse unha media de 38 adopcións de animais. A maioría son cans, pero tamén hai algún gato. O 25% dos animais que chegan á Canceira Municipal son animais perdidos, que acaban sendo reclamados polos seus propietarios e regresan aos seus fogares, pero a gran maioría son cans e gatos abandonados.

Nese sentido é preciso facer un chamamento á responsabilidade dos/as propietarios/as, ademais de lembrarlles que o abandono de animais de compañía está considerado coma unha falta grave na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, e pode supoñer sancións de 501 a 5.000 euros. Tamén é unha falta grave non ter identificados aos cans. Sen embargo, só un 16% dos que recollemos da vía pública teñen chip.

Antes de ter unha mascota pasa pola Canceira Municipal, no polígono industrial de Bértoa. Está aberta os luns e os xoves de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas. E se realmente estás decidido/a a incorporar un novo membro ao teu fogar, non merques, adopta. Darlles unha segunda oportunidade a estes animais é doado e barato. Os trámites de adopción, que inclúen xestión administrativa, vacinación e desparasitación, colocación de microchip e inscrición no Rexistro Galego de Identificacion de Animais de Compañía (Regiac) custan só 50 euros.

Compartir: