Inicio Carballo ao día Novas No 2018 acadamos a cifra máis alta de...

NO MESMO PERÍODO TRAMITÁRONSE 1.081 AUTORIZACIÓNS DE ACTIVIDADE

No 2018 acadamos a cifra máis alta de solicitudes de licenzas para vivendas dos últimos dez anos

A construción de naves industriais no polígono de Bértoa continúa nos niveis máximos

Luns 14 de xaneiro do 2019

O edificio de 19 vivendas ocupará este solar da rúa Brasil esquina Costa Rica

O edificio de 19 vivendas ocupará este solar da rúa Brasil esquina Costa Rica

O ano pasado presentáronse a través do Rexistro Municipal solicitudes de licenzas de edificación para un total de 44 vivendas. Non só se trata da cifra máis alta dende o 2008, senón que na relación tamén figura a construción do primeiro edificio de pisos nestes dez anos. Será un inmoble con 19 vivendas distribuídas en 5 plantas e que se situará na rúa Brasil esquina Costa Rica, xunto á Praza do Hospital. A solicitude de licenza foi presentada no cuarto trimestre do 2018, e está previsto que sexa aprobada este mesmo mes pola Xunta de Goberno Local.

Aínda acadando no 2018 a cifra máis alta dos últimos dez anos, a tramitación de licenzas para vivendas continúa en niveis mínimos, non tanto no caso das unifamiliares coma das colectivas. En total, nestes dez anos chegaron ao noso concello solicitudes para un total de 225 vivendas, moi lonxe das 371 do ano 2003 e moito máis das 1.138 do 2006, en pleno bum da construción, no que se bateu un récord histórico.

Actividade empresarial

Pero se en vivendas estamos en niveis mínimos, en naves industriais ocorre todo o contrario. O ano pasado recibimos solicitudes para 21 naves, 6 delas no último trimestre, que foi moi activo. No período 2016-2018 acadamos as 55 solicitudes, 15 máis que no conxunto dos oito anos anteriores (2008-2015). O nivel de ocupación está xa por riba do 80%, e a este ritmo o solo dispoñible esgotarase en menos de dous anos, polo que dende o Concello de Carballo insístese na necesidade de iniciar os trámites para desenvolver a terceira fase do polígono.

A actividade comercial e empresarial fóra do polígono tamén é elevada, como demostran as 78 comunicacións previas de inicio de actividade tramitadas o ano pasado. Dende o 2008, con cambio de normativa polo medio, a cifra supera xa o milleiro, cun total de 1.081 solicitudes de autorizacións de actividade.

Compartir: