Inicio Carballo ao día Novas Carballo intensificará este ano o seu...

ESTRATEXIA CARBALLO 2030

Carballo intensificará este ano o seu compromiso coa Axenda 2030 cun modelo propio de concello sostible

O Concello, en colaboración coas empresas que xestionan os servizos municipais relacionados co medio ambiente, publica un calendario de parede que se repartirá de balde

Venres 4 de xaneiro do 2019

No Concello de Carballo temos un compromiso coa mellora da calidade de vida da nosa xente. A humanización da vila e as políticas encamiñadas a fomentar a mobilidade peonil, a universalización e a procura da excelencia na prestación dos servizos públicos ou a creación dunha rede municipal de centros sociais son exemplos dunha política que queremos converter na nosa propia marca de xestión municipal. Co lema O futuro faise agora, hoxe presentamos a primeira acción da Estratexia Carballo 2030, símbolo dun modelo urbano máis sustentable e que servirá como locomotora de crecemento e desenvolvemento para o conxunto do territorio.

Representantes da Brigada Municipal de Obras e Medio Ambiente e das empresas que xestionan os servizos de limpeza, ciclo integral da auga, alumeado público, canceira, residuos sólidos urbanos e control de pragas, xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, presentaron a imaxe da Estratexia Carballo 2030 e unha primeira acción que durará todo o ano, xa que se trata dun calendario de parede. Pero non é un almanaque calquera, senón un compendio de boas prácticas en materia medioambiental acompañado de pequenas doses de información sobre outras áreas municipais que tamén contribúen á Estratexia Carballo 2030.

“Cada mes _explicou o alcalde_ recoméndanse unha serie de medidas encamiñadas á redución de lixo, recollida selectiva, introdución da 5ª fracción, control de pragas, utilización dos recursos que ten o concello, iluminación led... Todo tipo de aspectos que redundan nunha menor emisión de CO2 (de feito Carballo é dos concellos que máis conseguiu reducir as emisións de CO2), e tamén nun consumo responsable e nun uso responsable dos servizos públicos”.

O calendario inclúe tamén información útil, como teléfonos de contacto ou horarios de funcionamento dos servizos, así coma un apartado de curiosidades, novas, anécdotas ou efemérides coma a o vindeiro 11 de xaneiro, 160º aniversario do nacemento de Alfredo Brañas en Carballo. Así mesmo, ademais dos días festivos, no almanaque tamén aparecen destacadas as datas relacionadas co medio ambiente.

O calendario estará dispoñible a partir da vindeira semana, de balde, en distintos edificios municipais. As persoas interesadas poden pasar pola Casa do Concello, o Fórum, a Biblioteca Rego da Balsa ou o Museo de Bergantiños para recollelo. Tamén se realizará un reparto na feira do día 13.

“Ao longo do ano iranse acometendo unha serie de medidas que van ir incardinadas nesta estratexia, en concordancia coas directrices internacionais sobre medio ambiente e sustentabilidade dos servizos. Hoxe simplemente damos o pistoletazo de saída con esta primeira acción”, rematou o alcalde.

Ligazóns

Compartir: