Inicio Carballo ao día Novas A renovación integral da rúa...

A renovación integral da rúa Río entra na súa recta final con moi boa acollida por parte da veciñanza

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, recolleron durante a visita que realizaron hoxe ás obras as opinións dos/as residentes

Xoves 3 de xaneiro do 2019

Luis Lamas e Evencio Ferrero conversaron con varios veciños e veciñas

Luis Lamas e Evencio Ferrero conversaron con varios veciños e veciñas

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron hoxe unha visita ás obras da rúa Río, que entran xa na súa recta final. Durante o percorrido tiveron a oportunidade de conversar con veciños e veciñas da rúa, que se amosaron moi satisfeitos coa transformación que está a experimentar a céntrica vía.

A rúa Río, de feito, xa parece outra. A obra, financiada con fondos do Plan Único POS+ 2017, incluíu a renovación total dos servizos urbanísticos. Baixo o pavimento había canalizacións de abastecemento de auga e saneamento de fibrocemento, e as redes de electricidade e telefonía eran aéreas. Coa actuación realizada foron substituídas as redes de auga e saneamento, realizáronse as acometidas aos 24 solares da rúa e tamén se canalizaron as pluviais. Ademais, as canalizacións de electricidade, teléfono, cable e gas están agora soterradas.

Polo que respecta ao tratamento en superficie, destacan os pavimentos de granito, tanto na zona de circulación rodada coma nas peonís, que eran das máis estreitas de Carballo e agora gañan en seguridade e dan maior protagonismo aos peóns.

Pero ademais da renovación dos servizos urbanísticos e da mellora da mobilidade e a accesibilidade, o proxecto contribuirá tamén á mellora da imaxe urbana coa plantación de árbores, axardinamento e colocación de 9 puntos de luz centrais.

Os traballos son executados pola empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras S.L. cun orzamento de 156.582,18 euros.

Compartir: