Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Promoción...

ESTE NADAL "AGASALLA CARBALLO"

A Concellaría de Promoción Económica presenta unha campaña comercial de altura, con voos en globo, rocódromo e tirolina

Cen establecementos participan na iniciativa, que, ademais de descontos e agasallos, inclúe un potente programa de actividades paralelas

Venres 14 de decembro do 2018 Carballo ao día

Laura Tova, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Paula Lema, na presentación de hoxe

Laura Tova, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Paula Lema, na presentación de hoxe

Agasallos e descontos nos comercios, animación teatral, rocódromos e tirolina, animación infantil, voos en globo, decoración nas rúas, un concurso de escaparates de Nadal que reparte 2.000 euros en premios e o sorteo dunha viaxe a Praga. Todo isto e máis forma parte da campaña de Nadal do Concello de Carballo para dinamizar o comercio carballés co slogan “Agasalla Carballo”, que presentaron hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, acompañados pola técnica de Promoción Económica, Paula Lema, e a ilustradora Laura Tova, autora do xa famoso ratiño que acompañará á clientela durante estas datas co obxectivo de incentivar as compras e ofrecer alternativas para o tempo de lecer.

Un total de 100 establecementos participan no eixo central da campaña, o programa Semecachadescóntovos, que cumpre catro anos e que neste período ten triplicado o número de comercios participantes. E tamén coa presenza de actividades gratuítas en distintos puntos da capital municipal durante o Nadal: Praza do Concello, Parque do Rego da Balsa, Mercado Municipal e Parque do San Martiño.

Todo baixo o paraugas do lema “Agasalla Carballo”, que ten un dobre obxectivo. Por unha banda axudar a que visitantes e veciñanza empreguen o comercio de proximidade para realizar as súas compras; e por outro plasmar que Carballo agasalla a quen se achegue á vila cun completo programa de actividades durante as festas para agradecer a dobre confianza depositada tanto no pobo coma no comercio local.

Agasalla regalos e descontos

Cartel da campaña, da ilustradora Laura Tova

Cartel da campaña, da ilustradora Laura Tova

Un ano máis os establecementos repartirán tarxetas -as tendas recibiron 13.800- con “rascas” entre a clientela por cada compra superior a 30 euros. Este ano haberá un único modelo de tarxeta coa que poden obterse premios instantáneos como cadernos de Derrubando muros con pintura, bolsas pregables, carteiras, soportes para móbiles e descontos dun 10 ou 15 % nas seguintes compras realizadas nese comercio. Ademais, poderán gañar experiencias que van dende tratamentos de chocolaterapia, ata ceas, e con moitas sorpresas!

As tarxetas tamén dan dereito a participar no sorteo dunha viaxe a Praga para 2 persoas, incluíndo billetes de avión, estadía en hotel de 3 estrelas e almorzo durante 5 noites. Para iso só hai que xuntar 6 tarxetas seladas en seis establecementos distintos e deben entregarse no Museo de Bergantiños. O sorteo terá lugar ao remate da campaña, o venres 11 de xaneiro. Todas as bases e a info están ao final desta nova.

Agasalla animación infantil e teatral

A campaña inclúe un feixe de actividades de balde para nenos e nenas para axudar a que as familias realicen as súas compras e ofrecer alternativas de lecer para as familias. Comezan o 22 de decembro con rocódromos e tirolina no parque da Praza do Concello e no Parque do Rego da Balsa en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Xa a partir do 2 de xaneiro, as actividades terán lugar no segundo andar do Mercado Municipal con xogos, obradoiros e contacontos en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 A 21.00 horas. Por último, tamén entre o Aninovo e Reis, pero esta vez até o 6 de xaneiro os carballeses e carballesas poderán realizar voos controlados en globo aerostático. O inchable estará situado no Parque do San Martiño os días 2, 3 e 4 de xaneiro e no Parque de Rego da Balsa os días 5 e 6. Quen se acheguen poderán realizar un pequeno voo no que o globo unicamente subirá sen moverse do sitio para ofrecer unhas fermosas vistas da vila.

E coma en anos anteriores, para axudar a crear ambiente de Nadal e de compras, a compañía de teatro carballesa Galeatro estará polas rúas comerciais da vila ofrecendo pequenas actuacións e repartindo as octavillas anunciadoras da campaña. Ademais, haberá un contacontos para todos os públicos o día 2 de xaneiro no Mercado ás 18.00 horas.

Por último, como cada ano, a campaña pretende que todo Carballo estea vestido co espírito destas datas, polo que unha vez máis convócase o Concurso de escaparates de Nadal para incentivar que os establecementos participen aínda máis activamente na campaña. Rexistraranse as inscricións até o luns 17 de decembro e repartiranse 2.000 euros en premios:

  • Primeiro premio: 800 euros.
  • Segundo premio: 600 euros.
  • Terceiro premio: 400 euros.
  • Cuarto premio: 200 euros. 

As bases e toda a info están dispoñibles na sección de AVISOS, na portada desta web.

Ademais, as rúas estarán cheas de bandeirolas  e de material promocional para envolver a vila para regalo. Este Nadal, agasalla Carballo… Ten premio!

Descargas

Compartir: