Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os nenos e nenas do Horto Municipal destinan a...

Os nenos e nenas do Horto Municipal destinan a recadación da Pequefeira ao comedor e o albergue de Cáritas

Os 215,25 euros que conseguiron pola venda dos produtos cultivados por eles/as mesmos/as terán, unha vez máis, un destino social

Luns 26 de novembro do 2018 Carballo ao día

Maite Prieto e Manuel Anxo Pardiñas, en plena compra

Maite Prieto e Manuel Anxo Pardiñas, en plena compra

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal de Carballo é un proxecto educativo que abrangue facetas moi diferentes, xa que fomenta o contacto coa terra, o espírito emprendedor, os hábitos alimenticios saudables, o consumo responsable e tamén a solidariedade. Este último aspecto é o que nos ocupa hoxe, porque os nenos e nenas que participan nas actividades do Horto decidiron destinar a recadación da Pequefeira a Cáritas. Os 215,25 euros que conseguiron servirán para abastecer as despensas do comedor social e do albergue de transeúntes, dúas instalacións “das que ninguén se lembra”, como apunta a educadora social de Cáritas, Maite Prieto, pero que prestan un importante servizo ás persoas que as precisan.

Acompañada polo coordinador do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, Manuel Anxo Pardiñas, a educadora social de Cáritas realizou a compra con eses 215,25 euros, que foron destinados a pratos elaborados, que estarán dispoñibles para os/as usuarios/as do albergue, e produtos necesarios para o comedor social. O investimento retrasouse ata agora para intentar cubrir as carencias de cara ao Nadal, unha época na que soe aumentar a demanda dos servizos de Cáritas.

Maite Prieto agradeceu o xesto dos nenos e nenas e a colaboración do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, que xa ten cedido parte dos seus cultivos ao comedor social de Cáritas, contribuíndo deste xeito ao labor social que realiza esta ONG en Carballo.                                                                                                                                

Compartir: