Inicio Carballo ao día Hemeroteca O 91,20% da poboación do noso concello xa...

O 91,20% da poboación do noso concello xa ten acceso a unha rede de saneamento

Neste momento están en execución novas redes nas parroquias de Razo, Sofán e Entrecruces

Mércores 21 de novembro do 2018 Carballo ao día

Luis Lamas e Evencio Ferrero visitaron as obras de Entrecruces

Luis Lamas e Evencio Ferrero visitaron as obras de Entrecruces

O 91,20% da poboación do municipio de Carballo ten acceso xa a unha rede de saneamento, aínda que esa porcentaxe incrementarase en breve porque nestes momentos están en execución as obras de Vilar de Cidre (Razo), Cadabuxo (Sofán) e A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños (Entrecruces), ata onde se desprazaron hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Todas estas actuacións están financiadas con cargo ao canon da auga do ano 2017. Este ano tamén se estendeu a rede a outros lugares das parroquias de Sofán, Rus e Artes, e con cargo aos orzamentos do vindeiro ano 2019 seguiremos ampliando o servizo. Tal como recolle o Plan Director de Saneamento Municipal, o obxectivo é o saneamento integral do 100% do territorio.

Na actualidade xa dispoñen de saneamento máis do 40% dos 315 lugares do noso concello, a maioría deles núcleos con moi poucos/as residentes. De feito, só quedan nove lugares cunha poboación de entre 45 e 50 habitantes que carezan do servizo. Aínda que dende a Concellaría de Obras e Servizos se trata de ir cubrindo as necesidades dándolles prioridade aos lugares máis poboados, o obxectivo é chegar a todos a medio prazo.

Nos últimos 11 anos implantamos o saneamento na maior parte da zona rural do municipio de Carballo grazas a un investimento de máis de 14 millóns de euros. Antes do 2007 non existía ningunha grande depuradora nas parroquias, pero hoxe hai 5 EDAR, 17 pequenas depuradoras e 23 bombeos que dan servizo a unas 4.000 vivendas, rematando deste xeito co grave problema medioambiental que supoñía a inexistencia dun tratamento axeitado das augas residuais.

Compartir: