Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o convenio de colaboración coa...

A ÁREA PROVINCIAL DE TURISMO E PATRIMONIO, CUXO RESPONSABLE É XOSÉ REGUEIRA, ACHEGARÁ 500.000 EUROS

Asinado o convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para a creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo

Carballo é un dos dez concellos que participará na toma de decisións sobre o futuro do patrimonio megalítico da Costa da Morte, entre o que figura o dolmen da Pedra Moura de Aldemunde

Martes 20 de novembro do 2018 Carballo ao día

Os representantes municipais, co deputado Xosé Regueira

Os representantes municipais, co deputado Xosé Regueira

Conservar e promover o patrimonio da Costa da Morte é un dos obxectivos do Parque Arqueolóxico do Megalitismo. Hoxe deuse un importante paso para a súa creación coa sinatura dun convenio de colaboración entre dez concellos do ámbito da Costa da Morte, incluído o de Carballo, e a Deputación da Coruña, que achegará 500.000 euros para o desenvolvemento do proxecto.

O acto, presidido polo responsable da área de Turismo e Patrimonio da Deputación, e tamén concelleiro carballés de Promoción Económica, Xosé Regueira, contou coa participación dos alcaldes da Laracha, José Manuel López Varela; Cabana, José Muíño Domínguez; Dumbría, José Manuel Pequeño; Malpica, Eduardo Parga Veiga; Ponteceso, Lois García Carballido; Vimianzo, Manuel Antelo; Zas, Manuel Muíño, e Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez; ademais do primeiro tenent de alcalde de Laxe, Ricardo Facal, e do concelleiro de Cultura e Deporte de Mazaricos, Esteban Pereiro.

Segundo informa a Deputación, o convenio establece as bases de cooperación para regular o proxecto "Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte" unha iniciativa que forma parte do Plan de Patrimonio da Deputación da Coruña xunto a outros seis proxectos de posta en valor do patrimonio cultural e natural a través de fórmulas de cooperación intermunicipal entre concellos e institución provincial.

A sinatura do convenio tivo lugar hoxe na sede provincial

A sinatura do convenio tivo lugar hoxe na sede provincial

Nun prazo de 15 días constituirase o comité de dirección que decidirá os investimentos a facer nos vindeiros meses en adquisición de patrimonio, sinalización de recursos, divulgación ou pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal. Con este obxectivo, a Deputación da Coruña habilita un orzamento de 500.000 euros cun período de execución de catro anos, e conta tamén nesta iniciativa coa propiedade do Dolmen de Dombate, que, de feito, é xa o gran Centro de Interpretación do Megalitismo da Costa da Morte.

"Agardamos que este impulso ao Parque do Megalitismo sirva para que nun futuro inmediato os grandes dolmens escavados na Costa da Morte sexan visitábeis en condicións óptimas e que estean ben sinalizados e sirvan de elemento dinamizador tanto cultural como turístico no territorio e que, ademais, sirvan tamén para que a nosa sociedade teña maior coñecemento e información sobre o que é a nosa propia historia", sinalou o deputado Xosé Regueira.

Ámbito de actuación

A Pedra Moura de Aldemunde

A Pedra Moura de Aldemunde

O Parque Arqueolóxico do Megalitismo esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente e, en concreto, nos dez concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado hoxe na Deputación da Coruña. Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra na Galiza que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír a súa difusión.

"Agardamos que este impulso ao Parque do Megalitismo sirva para que nun futuro inmediato os grandes dolmens escavados na Costa da Morte sexan visitábeis en condicións óptimas", sinalou Xosé Regueira

Os recursos clave na catalogación do Parque Arqueolóxico constan esencialmente das tumbas monumentais ou dolmens. Neste sentido, son 14 xacementos os que integran o parque; Pedra Moura de Aldemunde, en Carballo; Casa dos Mouros, en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros, en Laxe; Pedra da Arca, en Malpica; Mina da Parxubeira, en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós, en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa, en Zas. O Dolmen de Dombate ou "catedral do megalitismo", aínda que teña o seu propio plan director, será o recurso alicerce clave no proxecto, tal como informa a Deputación.

Compartir: