Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo promove a...

CARBALLO EN NEGRO

O Concello de Carballo promove a implicación de mulleres e homes nun programa de participación social pola igualdade

Os primeiros talleres celebraranse arredor do 25N, pero o obxectivo da Concellaría de Igualdade é a creación de dous grupos de traballo estables que desemboquen na creación dun Consello da Muller e un Grupo de Homes pola Iguald

Mércores 14 de novembro do 2018

A través da Concellaría de Igualdade, o Concello de Carballo quere ir un paso máis alá no proceso de participación social na loita contra as desigualdades de xénero. Ademais de seguir traballando coas mulleres en distintas frontes, dende o departamento que dirixe Maica Ures considérase imprescindible a implicación masculina. “Os homes teñen que formar parte do proceso de transformación social que é a igualdade de oportunidade, e por iso este camiño temos que percorrelo tod@s xunt@s”, explicou a concelleira.

Nace así o proxecto Camiñando pola igualdade, que arrancará arredor do 25 de novembro, pero que terá continuidade ata fin de ano e, en función da súa evolución, incluso máis alá. Aínda que se crearán dous grupos de traballo, un masculino e un feminino, todas as actuacións estarán relacionadas entre si e complementaranse para chegar a unha meta común que se materializará cunha acción conxunta de participación social.

Se ti tamén loitas pola igualdade, inscríbete! Envía un correo electrónico a carballoennegro@gmail.com ou chama ao Centro de Información á Muller (CIM) ao teléfono 981 700 686

O primeiro taller para mulleres celebrarase o día 22, de 19.00 a 20.30 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. Nesta primeira toma de contacto coñeceremos de primeira man as inquietudes e os pensamentos das participantes en relación das desigualdades de xénero. Nas seguintes sesións crearase un espazo dinámico para traballar o autocoñecemento, a autoestima e a valoración do que son e do que teñen as participantes.

O grupo de homes arrancará o sábado 24, de 10.30 a 12.00 horas, do mesmo xeito e no mesmo lugar, e a partir de aí desenvolverase unha acción formativa para traballar o significado da masculinidade hexemónica, os valores e como afectan ao seu comportamento.

A finalidade do traballo que queremos levar a cabo é sentar as bases de cara á creación, a medio prazo, dun Consello Sectorial da Muller e un Grupo de Homes pola Igualdade no noso concello.

Se ti tamén loitas pola igualdade, inscríbete! Envía un correo electrónico a carballoennegro@gmail.com ou chama ao Centro de Información á Muller (CIM) ao teléfono 981 700 686. O prazo está aberto ata o día 21. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de solicitude.

Compartir: