Inicio Carballo ao día Novas As accións para desempregados/as previstas...

As accións para desempregados/as previstas para este curso no Fórum Carballo formarán a 87 persoas en distintas profesións

O alcalde e o concelleiro de Promoción Económica visitaron os talleres de carpintería e soldadura e as instalacións da Escola Municipal de Hostalaría

Martes 23 de outubro do 2018

As seis accións formativas para persoas desempregadas que se impartirán este curso no Fórum Carballo prepararán a un total de 87 veciños e veciñas para poder acceder ao mercado de traballo en mellores condicións. Tres delas xa están en marcha, xa que onte mesmo se incorporou á aula o alumnado do curso de Soldadura oxigás e MIG-MAG. Na nave de soldadura, precisamente, rematou a visita realizada polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, para coñecer o traballo que se está a desenvolver, dar a benvida ao alumnado e animalo a aproveitar os cursos ao máximo de cara á súa incorporación ao mundo laboral.

Dentro do Plan AFD, este curso tamén teremos soldadura TIG, servizos de cafetería e bar e electricidade. Precisamente nestes momentos están en marcha os procesos de selección do profesorado para os dous últimos. Nestas catro accións poderán formarse un total de 60 persoas.

Outras 12 están preparándose xa para incorporarse ao sector da carpintería no obradoiro de emprego de garantía xuvenil. Aínda que non levan nin un mes e carecían de experiencia previa no sector, todo o profesorado destaca tanto a boa predisposición coma a destreza que van adquirindo os 11 alumnos e 1 alumna, que serán os encargados de fabricar o mobiliario urbano para completar as obras de reurbanización da contorna do Fórum.

Mentres en soldadura e carpintería o alumnado e maioritariamente masculino (só hai unha alumna en cada un destes cursos), na Escola Municipal de Hostalaría hai 12 mulleres e 3 homes. Tamén levan menos dun mes de traballo, e onte o seu director e profesor, Fernando Agrasar, destacaba os importantes avances que están conseguindo e a gran implicación das 15. Lentellas, empanada, croquetas... cada día aprenden a facer algo novo. O concelleiro de Promoción Económica animounas a esforzarse porque forman parte da primeira promoción e, polo tanto, están chamadas a facer historia. Pero o éxito do proxecto, engadiu, será “que en decembro do ano que vén esteades todas traballando”. Oxalá.

Compartir: