Inicio Carballo ao día Novas A alta calidade dos servizos destaca, un ano...

A alta calidade dos servizos destaca, un ano máis, no balance da temporada de praias no noso concello

A Unidade de Salvamento Acuático, integrada por 25 persoas, realizou 7 salvamentos e atendeu a 444 persoas, todas por cuestións leves, nos postos de socorro

Venres 21 de setembro do 2018

A temporada de praias saldouse con 7 salvamentos e 444 persoas atendidas nos postos de socorrismo, ningunha de gravidade, segundo o balance que vén de facer público a Unidade de Salvamento Acuático que estivo operativa entre o 9 de xuño e o 9 de setembro. O tempo, entre variable e regular en xuño e xullo, provocou que a afluencia ás praias fose menor que en outros anos nesas datas e, en consecuencia, que se rexistrasen menos incidencias. O socorristas tiveron xa máis traballo en agosto e setembro, coa chegada do sol e os areais tan masificados como de costume.

Igual que en 2007, este verán houbo dificultades para cubrir todas as prazas de socorrista. “Logo de dúas convocatorias _explicou o coordinador de Protección Civil, Javier Souto_ non completamos as 35 prazas do servizo ofertadas: chegamos ás 25 persoas, entre socorristas e sanitarios, coas que ofrecemos un moi bo servizo, aínda que tivemos que suprimir algunha das zona de baño das oito que hai nas nosas praias. Contamos coa axuda de Protección Civil e, ademais, o Concello asinou convenios con Cruz Vermella e a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo para que os alumnos dos seus cursos puidesen facer prácticas con nós. En Razo mantivemos habitualmente a de Arnados e a do noso posto principal, e alternativamente, dependendo das horas e dos efectivos, a da Cabreira e a Intermedia, aínda que desde o posto principal sempre puidemos controlar esas dúas zonas con total garantía. En Baldaio, a zona que lle chamamos ‘de libre’ non se cubriu en toda a temporada por falta de persoal, como tampouco os areais de Arnela e de Leira”.

Sobre este asunto insistiu o alcalde, Evencio Ferrero: “Intentábase, e seguiremos intentando no futuro, que o número de socorristas aumente, pero sabemos que en Galicia, non só en Carballo, senón no conxunto do litoral galego, hai esa especial dificultade polo listón que se colocou para ser socorrista en este país, non así noutros territorios do estado”.

Distintivos de calidade

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, sinalou que o Concello segue a insistir na súa política de continuar co coidado do medio ambiente e da calidade da xestión dos areais”. Souto salientou que Carballo conte cunha senda azul, de Razo a Baldaio, e con tres bandeiras azuis, as das praias de Razo (que recuperou este ano o distintivo), Saíñas e Pedra do Sal.

Outra das boas noticias foi a renovación -onte mesmo chegou a notificación- dos certificados EMAS e ISO 14:001, que avalan a calidade da auga dos areais carballeses. Un ano máis seguimos sen episodios de contaminación en todos os puntos de selección onde tanto a Xunta de Galicia como o Concello realizaron as analíticas. “Con isto case podemos garantir _explicou o concelleiro_ que a temporada que vén estará, como xa estiveron nesta, todas as zonas de baño abertas aos usuarios”. Mesmo o areal de Arnados obtivo sete cualificacións de excelente e unha de suficiente nas avaliacións da Consellería de Sanidade, o que fala moi claramente do nivel da política municipal de control de vertidos.

Evencio Ferrero destacou os investimentos que se seguen realizando en toda a costa, aos que hai que engadir o do abastecemento de auga a Razo e Oza, “o máis importante que fixo nunca unha administración local en Carballo sen axuda doutras administracións”.

Este ano o Concello puxo tamén en marcha dúas campañas de sensibilización: unha viaria, co a instalación de pasos elevados e bandas para reducir a velocidade; e outra medio ambiental, coa instalación de cabicheiras nas praias.

Compartir: