Inicio Carballo ao día Novas O xoves 20 preséntase o curso no...

AS CLASES EMPEZARÁN O LUNS 24

O xoves 20 preséntase o curso no Conservatorio Profesional de Música, que xa supera as 200 matrículas

Este curso implantarase unha nova metodoloxía para Linguaxe Musical e impartirase por primeira vez a especialidade de trompa

Martes 18 de setembro do 2018 Educación Conservatorio

Acto inaugural do curso pasado

Acto inaugural do curso pasado

O alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo está convocado para este xoves, 20 de setembro, ao acto de presentación do curso 2018-19. Será un curso con moitas novidades, entre elas a incorporación, por primeira vez, da especialidade de trompa. Precisamente estes días lévase a cabo o proceso de selección de profesorado para impartir unha materia que permitirá sentar as bases para potenciar a Banda Municipal de Música.

Outra das novidades, segundo explica o director do CMUS, Juan Otero, “é que implantamos unha nova metodoloxía para a materia de Linguaxe Musical. É unha metodoloxía que se implantou en varios conservatorios de toda España e está dando uns resultados estupendos”, engade. Este curso funcionará en 1º e 2º cursos de grao elemental e en 1º de grao medio, e seguirá implantándose nos cursos seguintes a partir do ano que vén ata completar os seis anos de formación en Linguaxe Musical.

O CMUS conta este ano con máis de 200 alumnos/as, e aínda que a maioría son de Carballo, hainos de toda a Costa da Morte, de Arteixo, A Coruña, Ordes, Santa Comba, Cambre, Cerceda... “Iso implica que o Conservatorio de Carballo é un centro de referencia”, sinala Juan Otero.

O acto oficial de apertura do curso empezará ás 20 horas no auditorio do Pazo da Cultura e contará coa asistencia do alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Educación, Mar Eirís, e o equipo directivo do CMUS. Despois de explicar as cuestións básicas e xerais de funcionamento do Conservatorio haberá un pequeno concerto de trombón e piano a cargo dos profesores Arturo Centelles e Mª Paz Fernández, e ao remate do acto procederase á elección de horarios.

As clases no CMUS comezarán o luns 24.

Compartir: