Inicio Carballo ao día Novas O comercio carballés realizará...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS NENOS E AS NENAS QUE QUEIRAN POÑER OS SEUS POSTOS NO MERCADILLO INFANTIL

O comercio carballés realizará descontos de ata o 80% na primeira edición do Mercadillo de verán organizado polo CCA

O comercio carballés realizará descontos de ata o 80% na primeira edición do Mercadillo de verán organizado polo CCA

Luns 17 de setembro do 2018

Representantes do CCA e do Concello de Carballo, na presentación do Mercadillo

Representantes do CCA e do Concello de Carballo, na presentación do Mercadillo

Vinte establecementos carballeses, boa parte deles de recente incorporación ao Centro Comercial Aberto (CCA), participarán os días 22 e 23 no Mercadillo organizado pola entidade para dar saída ao stock de verán. O barco dos soños, Calzados Susa, Deportes San Remo, Alonso Moda, Zocas, Bámbola, Retoños, Modas Suárez, El rincón de María, -15, A fragua de Mo, Adamela, Atelier, Alesi, Zapatería Esther, D&A Complementos, Akira, Miriñaque, O armario de Pati e Poppy ofrecerán descontos de ata o 80% en produtos de temporada “e da calidade que caracteriza ao comercio carballés”, como subliñou a xerente do CCA, Mª Carmen Freire, na presentación da iniciativa.

Tanto o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, coma o alcalde, Evencio Ferrero, subliñaron o feito de que este Mercadillo supoña o nacemento nun novo evento promovido desde o comercio local, e nese sentido expresaron os seus parabéns ao CCA. Xosé Regueira cualificou tamén coma “unha boa nova” a incorporación de nove establecementos, “porque iso significa que o labor de agrupar ao comercio nunha agrupación forte e que sexa dinamizadora do comercio local, está a dar froitos”.

Programación estable

O presidente do CCA, Ricardo Pallas, enmarcou o Mercadillo no obxectivo da xunta directiva de ofrecer “un programa de actividades estable durante todo o ano”, e destacou que esta actividade “axudounos a integrar a xente, xente nova, activa, con novas ideas”. Converter a próxima fin de semana nunha festa de compras e reforzar o papel de Carballo como un lugar que ofrece alternativas “para gozar do pobo” son outras finalidades da asociación.

“Que a xente veña a Carballo, que terá posibilidades de aparcar, pasear, desfrutar e mercar”, engadiu o alcalde, ademais de destacar a importancia da unión do sector do comercio “porque só así se pode facer máis visible”.

Ademais dos 20 establecementos, a planta alta do Mercado Municipal tamén acollerá un posto do propio CCA e un mercadillo infantil que está aberto á participación de todos os nenos e as nenas que queiran acudir cos seus produtos. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 20. “Queremos integrar aos nenos, ir incentivando á canteira do futuro”, explicou Ricardo Pallas.

Compartir: