Inicio Carballo ao día Novas O “bicibús” chega aos coles de Carballo...

PARTICIPA NAS ACTIVIDADES!

O “bicibús” chega aos coles de Carballo para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade

A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana celebra por terceiro ano consecutivo sete días dedicados a promover medios de transporte sustentables

Venres 14 de setembro do 2018

A Semana Europea da Mobilidade presentouse hoxe pola tarde no Concello

A Semana Europea da Mobilidade presentouse hoxe pola tarde no Concello

Carballo súmase por terceiro ano consecutivo á conmemoración da Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa anual que se desenvolve entre o 16 e o 22 de setembro e que ten coma finalidade promover entre a poboación alternativas de transporte sustentable. E aínda que é un obxectivo “no que temos que traballar todos os días, durante unha semana imos desenvolver unhas xornadas especiais aproveitando a convocatoria que se fai a nivel europeo”, tal como indicou a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, na presentación do programa.

Milagros Lantes estivo acompañada polo xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, e por representantes de dous dos colectivos participantes, Vanesa Loureiro, do Club Ciclista Carballo a un Paso, e Manuel Costa e Lorena Pombo, da Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Sísamo.

ARRANCAMOS O DOMINGO 22!

Precisamente en Sísamo arrancará este ano a Semana Europea da Mobilidade coa celebración, este domingo 16, da 6ª Ruta en bicicleta por Sísamo. As persoas que queiran participar simplemente teñen que achegarse antes das 10.30 ao local social da Raíña, de onde partirá o pelotón. É “un percorrido doado”, indicou Lorena Pombo, xa que está destinado tanto a nenos/as coma a adultos/as. A ruta pasará pola Cepeira, a fábrica de Calvo, a avenida da Cristina, a urbanización Costa Nariga, o Punta del Este, Figueiroa, O Espiño, Ramil, O Outeiro e A Raíña, onde os/as participantes serán recibidos cun avituallamento. Todos/as deben levar casco, e os/as menores de 7 anos han de ir acompañados/as por unha persoa adulta. Pasalo ben, desfrutar dunha xornada en familia e dar a coñecer a parroquia son os principais obxectivos da iniciativa, como destacaron Lorena Pombo e Manuel Costa.

Ademais da participación da asociación de Sísamo, a gran novidade desta edición é a posta en marcha do bicibús, unha iniciativa similar ao pedibús pero en bici. “Este ano apostamos por potenciar, fundamentalmente, a mobilidade en bici”, destacou a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, e nese sentido consideramos especialmente importante sensibilizar aos máis pequenos. Por iso, e grazas á colaboración entre o Club Ciclista Carballo a un Paso, a Policía Local e os colexios, a partir do mércores organizaremos rutas en bici para ir ao cole. Como é a primeira vez, este ano só está prevista a participación de alumnos e alumnas de 6º de Primaria. Os/as que se inscriban irán e volverán acompañados por monitores do Club Ciclista e axentes da Policía Local, porque, como apuntou Roberto Mosquera, “a seguridade é o primeiro”. Os colexios colaborarán habilitando un espazo para que os nenos e nenas poidan deixar as bicicletas ata a hora de saída, na que serán acompañados/as de novo ata as paradas establecidas previamente. En función do resultado desta primeira experiencia, o ano que vén podería ampliarse a outros cursos.

Ata o momento está confirmada a participación dos colexios Artai, Xesús San Luís Romero, A Cristina e Bergantiños. O alumnado de 6º que queira participar debe comunicalo no seu centro ou tamén se pode descargar o impreso que figura ao final desta nova, cumprimentalo e entregalo no colexio. O luns 17 concretaranse os horarios, as rutas e os días da actividade en cada un dos coles para que o primeiro grupo poida xa realizar o percorrido en bicibús o mércores 19.

O martes tamén haberá outra actividade novidosa, o I Festival de xogos e deportes tradicionais galegos, que permitirá a nenos/as e maiores desfrutar cos xogos do Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), con sede en Ponteceso. A xornada lúdica desenvolverase de 17.00 a 21.00 horas na Praza do Concello e rúas da contorna, con monitorado especializado e unha ampla oferta de actividades. “Trátase de facer ver aos rapaces que a rúa é nosa, que se pode xogar na rúa”, explicou Milagros Lantes.

Imaxe da xornada de seguridade viaria celebrada no 2016

Imaxe da xornada de seguridade viaria celebrada no 2016

A Praza do Concello volverá a ser o punto de encontro o mércores para unha Xornada de seguridade viaria que de novo contará coa participación dos clubs ciclistas locais e a Policía Local. De 17.00 a 19.00 horas instalarase un circuíto que permitirá aos nenos e nenas coñecer “as nocións básicas para circular en bicicleta”, indicou Vanesa Loureiro, que tamén fixo unha recomendación ás persoas adultas para que se unan á iniciativa.

Esta actividade educativa servirá de preparación para a Ruta urbana en bici que se celebrará o sábado, a partir das 11.00 horas, polos centros escolares e os principais edificios públicos do casco urbano. O Club Ciclista Carballo dirixirá unha actividade que xa se realizou o ano pasado con moi boa acollida, e que nesta ocasión incluirá, demais, unha xincana no Pazo da Cultura.

Os nenos e nenas dos colexios Bergantiños, Fogar e A Cristina que participan no Camiño Escolar terán o xoves 20 a Festa do Pedibús, unha actividade que levamos a cabo todos os anos para recompensar dalgún xeito a todos os nenos e nenas, e ás súas familias, que se implican na promoción dunha mobilidade sostible.

E o venres, pensando xa nun público adulto, realizaremos Un paseo pola arte urbana, unha ruta guiada polo persoal do departamento de Turismo para coñecer máis de preto as obras dos proxectos Derrubando Muros con Pintura e Rexenera Fest que non só decoran as medianeiras senón que axudan a converter en Carballo nun referente artístico e cultural.

Todos/as os/as participantes na presentación animaron ás familias carballesas a saír á rúa durante estes días e a implicarse na celebración da Semana Europea da Mobilidade.

Ligazóns

Descargas



Galería

Compartir: