Inicio Carballo ao día Novas Máis de 30 nenas e nenos iniciaron o...

Máis de 30 nenas e nenos iniciaron o obradoiro de urbanismo e patrimonio “A cidade do mañá”

Na primeira xornada debuxaron e “enmarcaron” os elementos arquitectónicos, sociais e naturais de Carballo que son imprescindibles para eles/as

Luns 16 de xullo do 2018

O río Anllóns, o Centro Comercial Bergantiños, a Biblioteca Rego da Balsa, a tenda de xeados, o colexio e a feira son algúns dos elementos naturais, arquitectónicos e sociais imprescindibles no Carballo actual para os nenos e nenas de hoxe. Deixárono ben claro cando o equipo de monitores/as do obradoiro de urbanismo e patrimonio A cidade do mañá lles preguntaron que lle ensinarían a unha persoa que non coñece Carballo. Explicárono, pero, sobre todo, debuxárono, plasmando así sobre o papel como se ve Carballo desde a óptica de máis de trinta nenos e nenas que teñen entre 5 e 12 anos de idade.

Hoxe arrancou esta novidosa e interesante iniciativa promovida desde a Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos, coa que pretendemos estimular unha actitude crítica para que os nenos e nenas comecen o seu desenvolvemento coma cidadanía activa, xa que eles e elas serán os/as responsables do Carballo do futuro.

Na primeira sesión, na que recibiron a visita da concelleira Milagros Lantes, ademais de debuxar eses elementos imprescindibles para eles e elas, os nenos e nenas realizaron un percorrido urbano no que foron enmarcando cun marco xigante e fotografando algúns deles. Chama a atención a importancia que ten o comercio para os/as participantes (debuxaron supermercados, ópticas e tendas de todo tipo) fronte a elementos tan singulares coma o balneario, cuxa existencia algúns nin sequera coñecían.

A Praza do Concello, onde se desenvolve o obradoiro, converterase ata o venres nun campo de xogos e de aprendizaxe. Mañá, entre outras actividades, probarán diferentes texturas no chan e utilizarano como soporte para os seus proxectos. A ver con que nos sorprenden!

Compartir: