Inicio Carballo ao día Novas Nova campaña de Carballo Limpo para...

Nova campaña de Carballo Limpo para intentar reducir os residuos nas praias e nos espazos públicos

Hoxe comezou en Razo o reparto de material divulgativo e cinceiros para evitar a presenza de cabichas no areal, e a vindeira semana realizarase unha nova campaña contra as pipas no casco urbano

Venres 13 de xullo do 2018

A presentación da campaña tivo lugar hoxe pola mañá en Razo

A presentación da campaña tivo lugar hoxe pola mañá en Razo

Se te achegas esta fin de semana pola explanada da praia de Razo atoparás cabichas, pipas e tetrabricks xigantes. Non, non é porque haxa folga do servizo de limpeza, senón que forman parte dunha campaña coa que, precisamente, intentamos sensibilizar aos usuarios e usuarias sobre a importancia de recoller o lixo. “Manteñamos limpa a praia” é o lema e o obxectivo desta nova iniciativa de Carballo Limpo que presentamos hoxe pola mañá coa presenza de persoal dos servizos de limpeza e da unidade de salvamento acuático, que colaboran na iniciativa. Tamén participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro.

A campaña arranca nas praias porque nas limpezas diarias detéctase a presenza, sobre todo, de cabichas. Por iso, unha das accións que estamos a levar a cabo é o reparto de cinceiros tipo cono que poden espetarse na area e que facilitan a recollida das cabichas ás persoas fumadoras. As persoas interesadas poderán recoller os cinceiros, de balde, nos postos dos socorristas. “Non se trata de prohibir, senón de concienciar á xente”, explican desde Carballo Limpo.

A campaña comezou na explanada de Razo, pero a vindeira semana chegará ao casco urbano, onde, ademais do problema das cabichas, tamén existe o das cascas de pipas. A mesma instalación de lixo xigante que puidemos ver hoxe na praia estará instalada, tanto o xoves 19 coma o domingo 22, coincidindo co mercado e a feira, na rúa Coruña, onde se procederá ao reparto de material divulgativo ao longo de toda a mañá.

Vídeos

Compartir: