Inicio Carballo ao día Novas A modificación do contrato do alumeado...

A modificación do contrato do alumeado permitirá dar resposta ás necesidades actuais do servizo na zona rural

A proposta será detida no pleno ordinario deste mes, que se traslada ao día 26 debido a que o luns 25 é festivo local

Venres 22 de xuño do 2018

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron hoxe os asuntos do pleno

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron hoxe os asuntos do pleno

A solución das carencias actuais do servizo de alumeado, que afectan sobre todo á zona rural, está xa máis próxima. A corporación municipal debaterá no pleno ordinario correspondente a este mes, que se celebrará o martes 26 porque o luns é festivo, unha proposta do goberno local para modificar o contrato coa empresa concesionaria e dar cabida así a supostos que non estaban contemplados.

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, explicaron hoxe que na concesión do servizo estableceuse a cantidade que o Concello de Carballo debe abonar cada ano á empresa en función de tres criterios: a substitución de puntos de luz, o mantemento da iluminación e o consumo. Pero non se tivo en conta que nalgúns casos poden non coincidir os tres, como ocorre, por exemplo, na nova senda peonil e ciclista de Bértoa, onde non foi a empresa, senón a Xunta de Galicia, a que colocou as luminarias. A esta situación hai que engadir que desde a sinatura do contrato foron construíronse novas vivendas “que teñen dereito a ter o seu punto de luz como as demais”, sinalou o alcalde. E, a maiores, tamén se ten detectado a necesidade, por motivos de seguridade, de repoñer algúns dos focos que se retiraron durante a crise, sobre todo na zona rural.

O obxectivo da modificación proposta é, precisamente, establecer novas variables para calcular o canon que o Concello de Carballo debe abonar á empresa que xestiona o servizo. A proposta conta con dous informes técnicos favorables e outros dous con observacións menores. Para o goberno municipal “é moi importante incorporar a modificación para poder atender esas novas demandas que foron aparecendo desde que se asinou o contrato”, sinalou o alcalde, quen engadiu: “Ou o facemos así ou sería materialmente imposible, por exemplo, facer a incorporación dos puntos de luz a tanto alzado, que son máis de 300 en todo o territorio e polos que pagamos non en función do consumo real, senón estimado”. Evencio Ferrero recoñeceu que estamos ante unha cuestión “complexa”, e que precisamente por iso foron necesarios varios meses de traballo ata dar coa solución máis acaída.

Na sesión plenaria tamén se abordarán outras cuestións como unha nova bonificación do ICIO, neste caso a Calvo Conservas; a actualización do inventario municipal de bens, a revisión do contrato do lixo, facturas pendentes do ano pasado e unha moción do PP sobre a estrada Carballo-Razo. Con respecto a esta última o alcalde apuntou que desde o Concello xa se realizaron as xestións encomendadas polos consellos parroquiais de Razo e Oza, e que sería materialmente imposible cumprir os prazos que propoñen os populares. “Poñer unha data está moi ben, pero desde a política e desde a responsabilidade non se pode enganar á xeste cunhas expectativas que é imposible cumprir”, manifestou Evencio Ferrero.

A convocatoria e o texto da moción poden descargarse máis abaixo.

Descargas

Compartir: