Inicio Carballo ao día Novas Jorge Mira fíxonos ver co seu...

HOXE, PRIMEIRA VERBENA COAS ORQUESTRAS TRÉBOL E COMPOSTELA

Jorge Mira fíxonos ver co seu pregón como era o Carballo dos anos 80 a través dos ollos dun adolescente

A Praza do Concello encheuse na xornada inaugural da Semana Grande do San Xoán

Venres 22 de xuño do 2018

“Cando pasaba por aquí a mediados dos anos 80, nin de lonxe de imaxinaba rematar dando o pregón do San Xoán. Carballo entrou na miña vida no momento no que o corpo está na fase crítica de definirse, tanto en corpo como en alma. O molde que che poñen e impoñen nese momento é o que determina o futuro da persoa. Teño que dicir que Carballo foi para min o molde perfecto. Agradecemento infinito a esta vila por todo o que supuxo na miña vida. Viva San Xoán e viva Carballo!”. Estas palabras de Jorge Mira no Libro de Honra do Concello de Carballo xa quedan para a historia. Do mesmo xeito que queda o pregón que pronunciou poucos minutos despois nunha Praza do Concello ateigada de xente, e que podedes ler integramente ao final desta nova ou mesmo ver e escoitar na páxina de Facebook das festas.

Jorge Mira, como lembrou a presidenta da comisión, María José Souto, é científico, colaborador de numerosos medios de comunicación, membro da Real Academia Galega, deportista... e, entre outras moitísimas calidades, ten a de ser “un comunicador nato”, como nos demostrou onte. O seu pregón trasladounos ao Carballo dos anos 80 visto a través dos ollos do adolescente que era por aquel entón, “un cativo de 13 anos que nunca saíra da casa, e que agora se vía ante unha epopea que lle evocaba a de Marco na súa viaxe dos Apeninos aos Andes. Canta sorte teñen os adolescentes de agora, e o malo é que non se decatan. Con diferentes matices, a situación foi máis ou menos análoga para a rapazada de Laracha, de Malpica, de Corme, de Ponteceso... Eses rapaces puidemos ter sorte, e que nos tocase un mal sitio... pero tivemos moita sorte e tocounos Carballo. [...] Aquel Carballo dos anos 80 era o noso Facebook, o noso Instagram. Nada do que veu despois, foi mellor rede social”.

A primeira tarde da Semana Grande comezou coa música da Banda Xuvenil do Conservatorio, dirixida por Rafael Espido, e rematou coa Big Band de Jazz, dirixida por Javier Bardanca. “Non hai festa sen música, e cando a música a interpretan mozas e mozos de Carballo soa moito mellor. É un orgullo poder contar con agrupacións coma estas, comprometidas coa música e con Carballo”, manifestou a presidenta da comisión, que un ano máis dedicou parte da súa intervención a convidar aos carballeses e carballesas de todas as parroquias a participar na organización das festas que os unen a todas e todos.

O alcalde lembrou aos que non poden desfrutar destas festas por razóns de traballo ou estudo. Lembrou tamén, e agradeceu o seu traballo, aos membros da comisión e dos distintos departamentos municipais que fan posible o noso San Xoán. Evencio Ferrero lembrou ademais aos refuxiados do Aquarius: “Non é verdade que esteamos no mellor dos mundos posibles, porque mentres que haxa xente que o precise temos que estender a man, abrir os brazos e sempre ser humanos e solidarios porque cando as sociedades están máis ricas coa riqueza multiplícase o egoísmo”. E arrincou os aplausos de todo o público ao manifestar que “estamos perplexos e indignados con resolucións feitas públicas hai poucas horas, porque mentres que existan manadas humanas que defenden e practican o maltrato e/ou acoso non son festas para todas, e pedimos tamén unha xustiza que protexa ás vítimas”.

Actos para hoxe

Co desexo de que o San Xoán sexa de verdade a “festa suprema da luz vencendo ás tebras”, Carballo entrou na súa Semana Grande. Hoxe segue a festa. E despois de escoitar aos gaiteiros Arume nos pasarrúas da mañá, a partir das 22.30 volverá a música á Praza do Concello coas orquestras Trébol e Compostela.

Descargas

Compartir: