Inicio Carballo ao día Novas Asinados dous contratos de obras e equipamentos...

Asinados dous contratos de obras e equipamentos que mellorarán o ciclo integral da auga

Construcciones Vázquez y Reino realizará a rede de saneamento de varios lugares de Entrecruces e Gestagua mellorará as instalacións electromecánicas da ETAP e das EDAR de Carballo e Razo

Venres 22 de xuño do 2018

Na sinatura do contrato con Construcciones Vázquez y Reino estivo presente o concelleiro Luis Lamas

Na sinatura do contrato con Construcciones Vázquez y Reino estivo presente o concelleiro Luis Lamas

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou dous novos contratos que teñen por finalidade seguir mellorando o ciclo integral da auga, tanto no que se refire á prestación de servizos á cidadanía coma á protección medioambiental.

Por unha banda, a empresa Construcciones Vázquez y Reino será a encargada de realizar a rede de saneamento dos lugares de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, na parroquia de Entrecruces, por un importe de 215.908,14 euros. O prazo de execución é de cinco meses, polo que se agarda que os traballos estean rematados antes de fin de ano. O proxecto, financiado con cargo ao canon da auga do 2017, inclúe, ademais da rede de saneamento,  a instalación de tubaxes para o futuro abastecemento municipal de auga e a pavimentación de todo o viario afectado polas obras.

Evencio Ferrero, cos representantes de Gestagua

Evencio Ferrero, cos representantes de Gestagua

Con cargo ao canon da auga do ano pasado tamén serán melloradas as instalacións electromecánicas da ETAP (estación de tratamento de auga potable) e das EDAR (estacións depuradoras de augas residuais) de Carballo e Razo. Neste caso a empresa adxudicataria foi Gestagua, por un importe de 208.186 euros.

Dentro da primeira anualidade do canon da auga, que tivo un importe de 2 millóns de euros, tamén se incluíron o saneamento de Vilar de Cidre (Razo), os do Cadabuxo, A Ermida e A Rachola (Sofán) e a instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira -que permitirá, por exemplo, evitar a entrada de toalliñas húmidas- e outras melloras nas redes de saneamento e abastecemento, que está en fase de adxudicación.

No ano 2018, o canon da auga destinarase na súa totalidade ao financiamento da construción da rede de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, que ten un orzamento de 1,7 millóns de euros.

Compartir: