Inicio Carballo ao día Novas Asinados o primeiro convenio colectivo e acordo...

Asinados o primeiro convenio colectivo e acordo regulador da historia do Concello de Carballo

Os documentos foron asinados hoxe polos representantes da Administración e do persoal municipal e deberán ser ratificados polo pleno

Xoves 21 de xuño do 2018

A sinatura realizouse hoxe no salón de plenos

A sinatura realizouse hoxe no salón de plenos

O 21 de xuño do ano 2018 non só se lembrará polo comezo das festas de San Xoán, senón tamén porque por primeira vez na historia foron asinados un convenio colectivo do persoal laboral e un acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario, dous documentos esenciais para a ordenación dos recursos humanos e que suporán unha mellora nas condicións de traballo dos empregados municipais e a súa optimización, ao tempo que garantirán e potenciarán o bo funcionamento e a cobertura dos servizos a prestar.

A sinatura celebrouse no salón de plenos coa participación dos representantes da Administración, tanto do goberno coma da oposición, e dos traballadores e traballadoras. O alcalde, Evencio Ferrero, destacou que o convenio colectivo e o acordo regulador supoñen “un paso importante para regular a relación entre administración e o persoal que depende dela. Nunca se asinara ningún na historia deste Concello, e polo tanto é de agradecer o traballo da concelleira de Persoal, Belén Lendoiro, e de Xavier Ferreira, que foi o que coordinou o traballo coa representación sindical, así coma de todos os representantes dos traballadores que nunha posición de madurez souberon ver a conveniencia e a idoneidade deste acordo. A partir de agora _engadiu_ esperemos que veñan outros acordos sucesivos, pero o primeiro sempre ten esa especial relevancia”.

Ámbolos documentos foron obxecto de estudo e tratamento coa representación legal dos traballadores no seo da Mesa Xeral de Negociación do Concello de Carballo. O proceso de negociación colectiva, despois de numerosas reunións, finalizou co acordo das partes na sesión celebrada hoxe, na cal se procedeu á sinatura dos documentos. O citado acordo foi subscrito polo Comité de Empresa, a Xunta de Persoal e as organizacións sindicais CSI-CSIF, CCOO e UXT. Así mesmo, as partes asinantes acordaron que se prosiga coas tramitacións administrativas preceptivas para a aprobación e definitiva entrada en vigor de ditos documentos.

Un feito histórico

O alcalde aludiu á importancia deste feito histórico

O alcalde aludiu á importancia deste feito histórico

O acordo supón un feito histórico para o Concello de Carballo, posto que permitirá a aprobación do primeiro texto de Convenio Colectivo e de Acordo Regulador; documentos cos que se logrará acadar unha homoxeneización xeral das condicións laborais dos empregados municipais, posto que ambos documentos fixan unha regulación común das condicións xerais de traballo, o cal anula calquera posible desigualdade ou diferenza laboral inxustificada e que supoña un agravio para o persoal implicado.

Así mesmo, ditos documentos establecen un compendio dos dereitos, deberes e normas laborais, adaptadas ás últimas novidades normativas, o que suporá a compilación e síntese do conxunto de normas aplicables ao persoal laboral e funcionario, circunstancia que facilitará o coñecemento e accesibilidade dos empregados aos seu dereitos e deberes ao tempo que optimizará e simplificará as tarefas de xestión ordinaria de recursos humanos.

Ademais do anterior, sobre o Convenio Colectivo e o Acordo Regulador cómpre salientar que

  1. Ámbolos documentos teñen unha vixencia de dous anos dende a súa entrada en vigor, prorrogable por anualidades de non existir denuncia polas partes negociadoras (artigo 4)
  2. Establecen un sistema de regulación e xustificación das ausencias dos empregados municipais, co obxecto de mellorar a calidade dos servizos e controlar o absentismo laboral dos empregados (artigo 19).
  3. En ámbolos documentos contémplanse diferentes medidas que favorecerán a conciliación da vida laboral e familiar mediante a regulación dun novo réxime de permisos e licenzas (artigo 25 e seguintes) e mediante a implantación dun horario de traballo flexible para os empregados municipais (artigo 22.2).
  4. Nos dous documentos recóllese unha táboa retributiva, no Anexo I, que será de aplicación ao persoal laboral temporal e ao persoal funcionario interino que non se atopa adscrito a un posto estrutural da RPT.
En definitiva, coa aprobación de ditos documentos o Concello de Carballo situarase á vangarda dos concellos galegos no ámbito da ordenación dos recursos humanos.

Compartir: