Inicio Carballo ao día Novas O pregón do polifacético Jorge Mira...

TOMA NOTA DOS CAMBIOS NO TRÁFICO

O pregón do polifacético Jorge Mira introduciranos mañá na Semana Grande de Carballo

Mañá tamén remata o prazo de inscrición para o Concurso de Cachelas e o Descenso do Anllóns

Mércores 20 de xuño do 2018

No San Martiño este ano haberá fío musical único para todas as atraccións

No San Martiño este ano haberá fío musical único para todas as atraccións

Doutor en Física pola Universidade de Santiago, catedrático en Electromagnetismo, investigador, divulgador científico, escritor, membro da Real Academia Galega, colaborador de prensa, radio e televisión, director do programa ConCiencia da Universidade de Santiago de Compostela e responsable da visita a Galicia de 29 Premios Nobel. Esta é tan só unha pequena parte do currículo de vertixe de Jorge Mira Pérez. Pero ademais de todo iso é unha persoa con moitos vínculos con Carballo, e por iso será o pregoeiro das festas de San Xoán 2018. 

Co pregón de Jorge Mira, previsto para mañá xoves ás 21 horas, arrancará a Semana Grande de Carballo, cinco días intensos nos que contaremos con grandes orquestras coma Trébol, Compostela, Nebraska, Olympus, e Anaconda, e un concerto que sen dúbida será sonado e que nos traerá á Praza do Concello nin máis nin menos que a Café Quijano.

Pero no San Xoán a animación musical non se limita ás verbenas, senón que se estende a todo o día grazas aos pasarrúas dos gaiteiros locais ou actuacións como a que nos ofrecerá mañá, antes do pregón, a Banda Xuvenil e a Big Band de Jazz do Conservatorio Municipal de Música. Teremos espectáculos infantís, fogos artificiais e os nosos concursos máis tradicionais. Mañá xoves será o último día para inscribirse no Concurso de Cachelas e no Descenso do Anllóns, así que non deixedes pasar a oportunidade de participar en dúas citas divertidísimas.

O 26 será o Día do Neno nas Barracas. Este ano, por certo, no San Martiño haberá fío musical único para todas as atraccións e con posibilidade de regular o volume, un sistema que poñemos a proba para intentar minorar as molestias. Pero a Semana Grande de Carballo non rematará o luns, porque á fin de semana seguinte celebraremos o Rockin’ e a Festa do Bosque.

Peche de rúas e zona azul

Durante a Semana Grande de Carballo, a Policía Local policía modificará as pautas de circulación habituais nun total de 12 rúas, entre as que se atopan a Gran Vía, á altura da rúa do Sol, e a Praza de Galicia, coincidindo coas procesións relixiosas. Dende as 22.00 horas pechásese a rúa Estrela. Ademais, todo o circuíto da Praza do Concello, que inclúe as rúas Cervantes, Desiderio Varela, Coruña e Hórreo, quedará cortado ao tráfico durante as festas para facilitar o tránsito dos peóns.

Do 21 ao 26 de xuño tamén quedará sen efecto a ordenanza reguladora da zona azul, o que supón que o aparcamento será libre.

Desde a Concellaría de Tráfico pedimos desculpas de antemán polas molestias que poidan ocasionar o peche de rúas e convidamos a comunicar calquera anomalía detectada chamando á Policía Local (981 701 722), á Garda Civil (981 704 065) ou ao número de emerxencias 112.

Compartir: