Inicio Carballo ao día Novas O novo plan de aglomerado de vías...

O INVESTIMENTO TOTAL ACADA 1,4 MILLÓNS DE EUROS

O novo plan de aglomerado de vías estruturantes comezou xa pola zona de Baldaio e pola parroquia de Aldemunde

O goberno municipal tamén lle dará continuidade este ano á pavimentación con cemento de núcleos singulares no Rodo e no Castrillón

Mércores 20 de xuño do 2018

Miguel Vales e Evencio Ferrero, en Imende (Noicela)

Miguel Vales e Evencio Ferrero, en Imende (Noicela)

O plan de aglomerado de vías estruturantes xa está en marcha en dous dos extremos do termo municipal, xa que se está a traballar ao mesmo tempo na zona de Baldaio e na parroquia de Aldemunde. O proxecto, que foi adxudicado á construtora Lancer por 221.323,75 euros, está financiado con cargo ao superávit do ano 2016. 

O alcalde, Evencio Ferrero, que realizou unha visita á zona acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, puido comprobar que na parroquia de Noicela o firme xa está listo, e que despois da limpeza das cunetas estase a traballar tamén no treito que discorre polas parroquias de Lema e Rebordelos. En total a actuación abrangue 4,3 quilómetros de vía. En Aldemunde a actuación tamén está en marcha, e levarase a cabo entre os lugares de A Fonte e Aldemunde de Arriba, cunha lonxitude de algo máis de 1.000 metros. En ámbolos casos trátase de obras demandadas pola veciñanza a través dos consellos parroquiais.

Para este ano, con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña POS+, está previsto seguir avanzando do plan de aglomerado de vías consideradas estruturantes: Mirón (Bértoa)-estrada de Razo, cun orzamento de 126.759,76 euros; Bolón-A Gándara (103.881,34 €), A Ponte de Bértoa-O Moucho de Berdillo (216.334,75) e Igrexario de Lema-A Vixía (241.938 €).

Ao mesmo tempo está en marcha un plan de pavimentación con cemento de núcleos singulares, seguindo co modelo utilizado en Cances Grande. Nestes momentos está pendente de adxudicación o proxecto de O Rodo, na parroquia de Oza, ao que se destinan 235.949,19 euros procedentes do superávit do ano 2016. E con cargo ao superávit do 2017 acometerase tamén o proxecto de conservación e mellora do núcleo do Castrillón (Lema), cun orzamento de 249.865,92 euros.

En total, entre aglomerados e pavimentacións con cemento, o Concello de Carballo investirá en só dous anos case 1,4 millóns de euros.

Compartir: