Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Igualdade e Benestar pon...

A Concellaría de Igualdade e Benestar pon en marcha unha campaña contra os abusos durante as festas

O obxectivo é sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais e a favor dun consumo responsable de alcohol

Venres 15 de xuño do 2018

A Concellaría de Igualdade e Benestar aproveita as festas de San Xoán para lanzar unha campaña orientada a sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais, por unha banda, e a favor dun consumo responsable de alcohol, por outra. Aínda que a iniciativa arranca agora, o obxectivo é estendela a todo o ano e a diferentes ámbitos, convidando a sumarse tanto ás comisións de festas de barrios e parroquias coma aos empresarios/as do sector do ocio nocturno. Os/as interesados poderán solicitar a cartelería específica.

A campaña impulsada pola concelleira Maica Ures forma parte do amplo e variado programa de accións que desenvolve a Concellaría de Igualdade e Benestar a través do Centro de Información á Muller (CIM) para o fomento da igualdade e contra a violencia machista. “Con estes pequenos xestos –indica- pretendemos construír unha sociedade máis respectuosa e igualitaria”. Deste xeito, co lema se buscas emocións fortes goza da festa sen abusos, sen acosos e con cabeza, o obxectivo é lanzar un reto ás mozas e aos mozos para que aproveiten os momentos de ocio e diversión ao máximo, pero sempre con respecto e sen necesidade de consumir alcohol en exceso para pasalo ben.

"Con estes pequenos xestos pretendemos construír unha sociedade máis respectuosa e igualitaria”, sinala a concelleira de Igualdade e Benestar

A preocupante escalada de actos sexistas que se veñen producindo en grandes eventos en todo o Estado, amparada no ambiente festivo e nos excesos, tense convertido en motivo de reivindicación social. O Concello de Carballo súmase ás iniciativas que están a desenvolver municipios de todo o país para evitar ese tipo de condutas. Na xornada de hoxe comezou o reparto de cartelería polo casco urbano para visibilizar a mensaxe durante as festas, e nos vindeiros días enviaranse cartas ás comisións de festas para ofrecerlles a posibilidade de unirse á iniciativa. Desde a Concellaría de Igualdade e Benestar consideramos que a loita contra a violencia machista debe ser un obxectivo permanente de toda a sociedade.

Compartir: